ALCALDÍA

Achega de 200.0000 euros da Deputación para a reforma do campo de fútbol de Conxo

21/12/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, mailo presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, veñen de asinar estes días en Santiago dous convenios de colaboración que permitirán o investimento de 440.000 euros no municipio.

Un deles ten como finalidade o arranxo integral do campo de fútbol de Conxo, actuación cun orzamento total de 367.000 euros, dos cales 200.000 serán aportados pola institución provincial.

Segundo o proxecto, a actuación recolle a reforma do campo de fútbol de terra e a súa transformación en campo de céspede artificial. Ademais, está prevista tamén a reparación e ampliación das redes de drenaxe existentes e a instalación dun novo sistema de rego.

O campo terá unhas dimensións no terreo de xogo de 63X103 metros, aos que se lle suman bandas de dous metros nos laterais longos e de 2,50 de fondo tras as porterías, co que a dimensión final de 67X108 metros. No novo campo de herba artificial haberá tamén dúas pistas de fútbol 7 de 63X42 metros.

Por outra banda, Calvo e Hernández tamén renovaron o compromiso anual entre ambas administracións para financiar a actividade cultural no municipio de Santiago. Neste caso, a achega da Deputación é de 240.000 euros, o que supón o 80% do investimento total neste programa, de 300.000 euros.

Neste caso, o apoio da Deputación serve para financiar programas como o de Música Clásica a cargo da Real Filharmonía de Galicia e da Orquesta Sinfónica de Galicia; o ciclo de piano Ángel Brage; o ciclo Todo Lírica que terá lugar no Nadal; o Compostela Rock; Íntimo e Acústico no Teatro Principal; o Blus Nite; ou a Programación Zona C, entre outros.



Compartir: