COMERCIO

Quince postos e obradoiro de monicreques para os máis pequenos este sábado nun novo Mercado de San Pedro

18/12/2014 Produtos variados subministrados por comerciantes do Barrio e actividades para nenos serán protagonistas no segundo dos Mercados de San Pedro, que se celebrará este sábado 20 entre as 11 e as 15 horas. A praza 8 de Marzo acollerá quince postos de venda nesta iniciativa, organizada polo Concello de Santiago e cofinanciada con fondos europeos FEDER no marco do programa Urbana Santiago Norte.

No segundo Mercado variarán algúns dos postos que xa concorreron á cita do sábado pasado. Nesta ocasión, comerciantes do Barrio, que participan de xeito totalmente gratuíto, venderán regalos, roupa e calzado, flores, complementos de moda, creacións artísticas e de artesanía, produtos de alimentación, papelaría ou libros.

Os establecementos hostaleiros da zona tamén se implican na iniciativa. Dezaseis deles súmanse á iniciativa Nós convidamos ao café, mediante a cal os clientes do Mercado, a partir dunha compra mínima, recibirán recibirán un vale para poder tomar un café de balde nos bares adscritos.
Ademais, os nenos e nenas poderán participar nun obradoiro no que aprenderán a crear monicreques, idear unha obra para eles e manexalos para representala.

Os Mercados de San Pedro son una aposta do Concello de Santiago para favorecer o comercio da zona nunhas datas especialmente indicadas para as vendas. Comezaron o pasado día 13, continúan coa cita deste sábado e aínda terán dúas datas máis o 27 e o 30 de decembro.

Compartir: