CONSORCIO

Miguelanxo Prado ofrece unha conferencia no Museo das Peregrinacións e de Santiago sobre os seus 30 anos de traxectoria profesional

04/11/2014 O Consorcio de Santiago e El Patito Editorial inauguraron a principios de agosto a exposición Mar interior. Miguelanxo Prado no Museo das Peregrinacións e de Santiago, na praza das Praterías. Trátase dunha mostra antolóxica do debuxante galego, a primeira destas características que se realiza en Galicia. Este mércores 5 de novembro, ás 18:00 horas, Miguelanxo Prado ofrecerá unha conferencia no museo titulada Espello retrovisor, centrada nos seus trinta anos de traxectoria profesional. A entrada ao acto é libre ata completar aforo.

A exposición reúne 59 obras orixinais de toda a carreira de Miguelanxo Prado. Na súa intervención, o recoñecido debuxante abordará os fíos condutores que van enlazando os seus diferentes traballos. Achegarase aos diversos ámbitos nos que foi desenvolvendo a súa obra creativa: cómic, banda deseñada, cartelismo, ilustracións en prensa, literatura, cine de animación… pasando polo humor, o contido máis serio, intimista e ata poético.

En relación á escolma realizada para esta mostra, o autor sinala que "é un tanto contraditorio e complicado resumir nunhas sesenta pezas trinta anos de profesión; dá para dúas pezas por ano. Facer unha selección provoca sempre desequilibrios; determinadas obras merecerían máis espazo pero iso implicaría eliminar outras".

"Provócame unha gran vertixe ver reunidos todos os meus traballos con trinta anos de percorrido entre o primeiro e o último. Ese tremendo cariño que produce volver a vista atrás é como unha foto de adolescencia na que aínda te recoñeces. No caso do traballo creativo, os signos do paso do tempo son menos evidentes. O cómic de autor non está suxeito aos vaivéns das modas editoriais. As temáticas e a aportación visual e gráfica é máis persoal, polo que as canas nótanse menos", destaca.

"Se tivese que facer agora as miñas primeiras obras, faríaas cos matices que aporta a experiencia pero igual. Manteño as miñas orixes, o meu sinal de identidade. É un paradoxo o feito de ser consciente do tempo pasado e, ao mesmo tempo, percibir que a maior parte dos impulsos que me levaron á banda deseñada, ao mundo da ilustración, ao cartelismo… seguen a funcionar dentro dos mesmos rexistros", indica o debuxante.

A relación con Santiago de Compostela
Nunha das salas do museo nas que se exhibe a obra de Miguelanxo Prado móstranse ilustracións da cidade de Santiago de Compostela, pola que o debuxante coruñés sente unha gran debilidade. Tal como el mesmo salienta, "hai lugares especiais que os seus habitantes teñen que admitir que xa non son exclusivamente seus porque cando transcenden prodúcese unha certa posesión colectiva. É o caso de Santiago e temos o privilexio de tela aí, preto".

"Vivín en Compostela un tempo moi curtiño da miña vida, pero a miña relación coa cidade é moi estreita e sempre que veño segue a resultarme fascinante, é un sentimento que non minorou co paso do tempo. A sensación de abraio segue a ser a mesma, camiñar por esas rúas e sentir ese pulo especial da pedra e esa configuración marabillosa do seu casco histórico", manifesta Prado.

Un dos debuxantes europeos máis recoñecidos
Miguelanxo Prado (A Coruña, 1958) é un dos debuxantes europeos máis recoñecido polo público e máis valorado pola crítica. Comezou a súa andaina nos anos oitenta debuxando para as revistas de cómic da época, entre elas El Jueves. É un dos autores galegos máis traducidos, ata a 17 idiomas, creador do xa mítico Xabarín da TVG. En 2012 recibiu o Premio Nacional de Cómic, galardón que se uniu a outros moitos que xa obtivera ao longo dos anos en Barcelona, Francia, Estados Unidos... Na súa aventura americana destaca o deseño para Dreamworks dos personaxes da serie de animación Men in Black, de Steven Spielberg. Dende 2009 é membro da Real Academia Galega de Belas Artes.

A exposición pode visitarse ata o 31 de decembro; de martes a sábado, polas mañás de 10:00 a 14:00 horas e polas tardes de 16:00 a 20:00 horas. Os domingos, o Museo das Peregrinacións e de Santiago abre de 11:00 a 14:00 horas e os luns permanece pechado.

Compartir: