CONSORCIO

Os máis pequenos poderán xogar a "Onde está Wally?" esta fin de semana no Museo das Peregrinacións e de Santiago

29/10/2014 O Museo das Peregrinacións e de Santiago (sede Praza das Praterías) promove esta fin de semana tres novos obradoiros didácticos para nenos de entre 6 e 12 anos. Os máis pequenos teñen así a oportunidade de achegárense á historia da cidade a través de xogos.

O sábado 1 de novembro, ás 12:00 horas, celebrarase o obradoiro titulado Busquemos a Xelmírez. Trátase de coñecer a relevancia da obra do Mestre Mateo, en particular o Pórtico da Gloria. Os rapaces terán que buscar ao infiltrado entre a inconografía do Pórtico. "É unha actualización da coñecida serie de libros Onde está Wally?, en versión compostelá, cunha paisaxe de pedra e escultura. Nesta ocasión o popular Wally será substituído polo bispo Xelmírez", sinalan os organizadores.

Tamén o sábado, pola tarde, ás 18:00 horas, terá lugar o taller Acordes musicais, no que os nenos fabricarán os seus propios instrumentos con elementos cotiás como unha botella de anís, un prato de cerámica, dedais, culleres, cunchas de vieiras ou mesmo latas. Coñecerán a importancia da música ao longo da historia, dende os instrumentos representados no Pórtico da Gloria (cuxas réplicas están expostas en parte no propio Museo das Peregrinacións) ata os nosos días.

O domingo pola mañá, ás 12:00 horas, realizarase o obradoiro Sopa medieval. Comezará cunha breve visita á exposición permanente do museo Compostela Dicitur. A Cidade da Catedral, unha recreación do Santiago do século XIII. Logo os rapaces buscarán en grupo, nunha gran sopa de letras, os nomes das sete portas da muralla que rodeaba a cidade.

Cada taller cun máximo de 15 participantes
Cada taller, cunha duración de entre unha hora e media e dúas horas, ten un custo de 3 euros. Para participar en calquera deles é necesaria a inscrición previa, a través do enderezo visitasguiadas@consorciodesantiago.org, no teléfono 981 566 110 ou tamén na propia recepción do Museo das Peregrinacións e de Santiago. Os obradoiros terán un máximo de quince participantes cada un e un mínimo de seis para poder celebrárense.

Compartir: