ALCALDÍA

O alcalde valora a importante contribución da Casa da Troia á vida e á historia da cidade

22/10/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, asinou un convenio de colaboración co Padroado da Casa da Troia. O Concello destina así 3.600 euros para contribuír ao financiamento das actividades que desenvolve o Padroado.

Agustín Hernández lembrou durante o acto de sinatura do convenio, celebrado na propia Casa da Troia, que o Concello de Santiago vén apoiando en maior ou menor medida, dende a súa fundación hai 34 anos, ao Padroado da Casa Troia e tamén ao Museo da Casa da Troia, inaugurado en 1993. Non obstante, non esqueceu as dificultades de financiamento e os períodos nos que o Museo tivo que permanecer pechado ou abriu a penas uns meses ao ano.

Nos orzamentos municipais vense incluíndo anualmente unha axuda económica destinada ao mantemento do Museo, radicado nunha edificación do século XVIII que é patrimonio municipal. A maiores, o Concello vén dedicando tamén unha axuda a través dun convenio específico –como o asinado por importe de 3.600 euros- para contribuír a financiar as actividades que desenvolve o Padroado.

"Dende o Goberno municipal valórase a importante contribución que realiza esta verdadeira institución da vida e da historia compostelá que é o Museo da Casa da Troia, vinculado no seu nacemento e na súa traxectoria á figura do tristemente desaparecido Benigno Amor Rodríguez, fundador e en gran medida artífice destas instalacións, que axudou a xestionar e mesmo as financiou en parte", apuntou o alcalde.

A propósito da devandita contribución histórica, indicou que "a Casa da Troia axuda a manter a lembranza dunha época, dunhas tradicións e dunhas vivencias entrañables da Compostela universitaria dos século XIX e XX, aquela que reflectira Alejandro Pérez Lugín na súa novela aparecida hai case 100 anos". A primeira edición de "La Casa de la Troya" é de 1915, polo que o vindeiro ano se celebrará o centenario da novela).

Ademais, dixo, "o Museo da Casa da Troia é unha importante referencia e punto de atracción turística da cidade, como o proban as máis de 50.000 visitas rexistradas dende a súa fundación. Un volume de visitas que, malia estar aberto preferentemente na tempada de verán e de estar pechado durante algúns anos, o converten nun dos museos máis visitados e coñecidos da nosa cidade".

O alcalde comprometeuse a manter a colaboración e apoio do Concello de Santiago para axudar, dentro das súas posibilidades, a "manter a actividade do propio Museo da Casa da Troia e contribuír á difusión cultural e turística que, arredor destas instalacións, se xera en beneficio da cidade e do conxunto de Galicia".

Compartir: