ALCALDÍA

Conmemoración en Bonaval dos 150 anos do primeiro colexio de xordos

18/10/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, e a concelleira de Turismo, Reyes Leis, asistiron no Museo do Pobo Galego ao acto de descubrimento da placa conmemorativa do 150 aniversario da fundación do primeiro colexio de persoas xordas de Galicia.

Lembrou que aquelas primeiras instalación de Bonaval, en 1864, foran posibles grazas ao apoio das deputacións galegas e do Concello de Santiago, e contaran tamén co patrocinio da Universidade de Santiago. Hoxe, apuntou, "o Concello de Santiago está a colaborar, na medida das súas posibilidades coa Asociación de Persoas Xordas, coa que recentemente asinamos un convenio e coa que nos sentimos satisfeitos de poder contribuír a que dispoñan dun local para desenvolver o seu meritorio traballo".

O alcalde manifestou o orgullo que para o Concello e a cidade de Santiago supón celebrar este efeméride, que "fai deste centro o primeiro de España das súas características que funciona de forma constante a través dun século e medio".

Agustín Hernández fixo un repaso ao que ten mudado nestes 150 anos, destacando os "cambios na mentalidade das persoas e da propia sociedade". Nese sentido, apuntou que "hoxe vai gañando terreo a concienciación sobre a valía das persoas, independentemente da súa condición".

Con motivo desta conmemoración, a Asociación de Persoas Xordas de Santiago de Compostela celebrou o II Encontro de ex-alumnado, que incluíu unha exposición fotográfica, un coloquio e unha misa na Catedral.

Compartir: