XUNTA DE GOBERNO

Iníciase a contratación das obras do novo Centro Xove de Creación Cultural

17/10/2014 O alcalde compostelán, Agustín Hernández, anunciou a aprobación pola Xunta de Goberno do procedemento de licitación do Centro Xove de Creación Cultural da Almáciga, por un importe de 229.722 euros e un prazo de execución de seis meses. Apuntou que este avance é posible tras desbloquear a situación dun proxecto que acumulaba un considerable retraso.

Lembrou o rexedor municipal que, en abril de 2011, o Concello subscribira un contrato cunha empresa para a construción deste Centro sen ter a dispoñibilidade dos terreos, xa que parte deles eran do CEIP Santiago Apóstolo. A desafectación, dixo, fora solicitada tras a sinatura do contrato, o 3 de maio dese ano, e resolta pola Consellería de Educación o 7 de maio de 2013.

Na Xunta de Goberno do 6 de agosto deste ano aprobouse a redistribución dos fondos do Urbana Norte. Obtívose así o crédito que faltaba, 41.113 euros, para completar o orzamento total do Centro Xove da Almáciga e así poder seguir co novo procedemento de licitación, por un importe de 229.722 €. Ademais, resolveuse o contrato coa empresa que fora a adxudicataria anterior, trámite que se aprobou o 22 de agosto.

O edificio estará situado nunha parcela na que xa existen nestes momentos dous edificios destinados a ensino: o CEIP Apóstolo Santiago e a Escola Municipal de Música.

"O Centro Xove nace coa intención de convertese nun espazo para a xuventude da cidade, no cal poidan desenvolver as súas inquedanzas e poñer en práctica a súa labor cultural", explicou Agustín Hernández. Así, nese equipamento situaranse, por exemplo, os locais de música para a xuventude, actualmente están localizados nos baixos do estadio de San Lázaro. Tamén disporá dun centro de creación artística para diversos usos como actuacións musicais, obras de teatro, conferencias ou obradoiros de formación.

Xestión dos locais de música
Precisamente en relación a un dos servizos que se trasladará ao futuro centro, os locais municipais de música para a xuventude, a Xunta de Goberno adxudicou a súa xestión á empresa Esproade, S.L, polo período dun ano e por un importe de 9.184 euros.

O alcalde explicou que este servizo se iniciara a través dun contrato administrativo en abril de 2013, polo prazo dun ano, prorrogable a dous. O servizo foi prorrogado por meses á empresa que o viña prestando ata a adxudicación definitiva do servizo de dinamización e xestión de actividades nas salas para ensaios musicais existentes nos baixos do Estadio de San Lázaro.

"Agora prodúcese a adxudicación deste servizo, que trata de garantir o seguimento e dinamización dos locais, mantendo un contacto directo con cada usuario no momento de realización dos seus ensaios", afirmou o alcalde. Os destinatarios son grupos noveis, de recente creación, que precisan asesoramento sobre o funcionamento e o emprego axeitado dos equipos.

Certames fotográfico e gráfico para a xuventude
Tamén en relación co Departamento de Xuventude, aprobáronse as bases e premios da segunda edición dos certames Foto con sentimento, de fotografías co móbil, e Imaxinart, de creación gráfica. O primeiro premia a creatividade da mocidade afeccionada á fotografía, mentres que o segundo contempla tres distincións para o deseño do logotipo da Concellería, o deseño do programa de actividades e o deseño da imaxe do certame MusicaXove’15.

Documentos relacionados



Compartir: