EDUCACIÓN

Programa de visitas escolares guiadas á exposición "O Asorey descoñecido"

01/10/2014 A colaboración estable entre a Asociación Cultural Francisco Asorey e o Concello de Santiago de Compostela, conxuntamente coa Vicerreitoría de Extensión Cultural da Universidade de Santiago, fai posible a exposición O Asorey descoñecido, que estará no Pazo de Fonseca do 1 ao 31 de outubro. Para promover a participación dos centros de ensino de educación primaria e secundaria de Santiago e comarca, está prevista a realización de visitas guiadas á exposición. Comezarán o 2 de outubro e realizaranse en horario de mañá e de tarde.

Esta proposta pretende homenaxear ao escultor galego Francisco Asorey, que foi un dos grandes artistas do século XX nun terreo onde non só destacou coa súa perfección técnica, senón tamén pola innovación en técnicas de policromía da madeira que nunca antes se utilizaran.

125 anos despois do seu nacemento, a crítica considera este artista como o máis grande escultor galego dende o Mestre Mateo e un dos escultores máis importantes do século XX en España. Con tal motivo preparouse esta exposición, que conta con vinte obras que percorren todas as épocas creativas, dende os 14 anos ata o ano do seu pasamento. Tamén se amosa unha boa compilación dos materiais que el utilizou: xeso, madeira, pedra, bronce…

Obras emblemáticas como o San Cristóbal, Cabaleiros Negros, Lo jondo ou o Busto da señora Hall integran este proxecto expositivo, xunto con outras que por primeira vez que se expoñen ao público. Tamén se incorporan fotografías de gran formato para deixar constancia do importante número de monumentos que Asorey realizou en moitas cidades e vilas galegas, así como noutros países de Sudamérica, ademais daquelas que xa se expuxeran hai tres anos e que pola súa importancia tiñan que formar parte desta mostra. Por outra parte, esta é unha nova ocasión para gozar coa exposición de fotografías de época de Ksado e materiais do artista como gubias, pinceis, libros de arte…

A exposición complétase cun vídeo explicativo da técnica creativa da policromía -utilizada por vez primeira por Asorey-, dous monitores táctiles dotados de software que axudan a comprender o traballo realizado polo artista e unha aplicación para dispositivos Android. O catálogo estará dispoñible en formato dixital en castelán, galego e inglés a través de códigos QR.

Solicitudes
Os centros educativos interesados en visitar a exposición debe de remitir a ficha de solicitude de participación ao Departamento de Educación do Concello de Santiago. A proposta está dirixida a centros de educación primaria (3º ciclo), secundaria obrigatoria e post-obrigatoria e escolas de arte.

As visitas, duns 45 minutos, realizaranse de luns a venres, en sesión ás 11:00, 11:45, 13:15, 17:00 e 18:00 horas.

Máis información no Información: Departamento de Educación a través dos teléfonos 981 554 400/ 401, do fax 981 571 511 ou da dirección de correo electrónico dptoeducacion@santiagodecompostela.gal.

Documentos relacionados



Compartir: