CONSORCIO

O alcalde visita as obras da Colexiata do Sar, destinadas a solucionar os problemas de humidades e filtracións que afectan ao templo

18/09/2014 A Oficina Técnica do Consorcio de Santiago iniciou este mes os traballos de retellado parcial do corpo claustral da Colexiata do Sar. Esta mañá, o alcalde da cidade e presidente do Consorcio, Agustín Hernández, visitou as obras para coñecer a súa evolución. Estivo acompañado pola concelleira de Patrimonio, María Antón, e pola concelleira María Jesús Sáinz, xunto con técnicos do Consorcio de Santiago.

As obras, que se prolongarán uns tres meses, están destinadas a resolver os problemas de humidades e filtracións que afectan ao templo. A empresa adxudicataria é Construcciones Orega e o orzamento da intervención ascende a 54.651,17 euros. Tal como explicou o alcalde, "o corpo norte do claustro ten problemas de impermeabilización e filtración de auga que ameazan o seu teito de madeira. Ademais, os contrafortes de pedra adxacentes a esta cuberta están afectados por sucidade, polo que se procederá á súa limpeza e a repasar o rexuntado das pedras".

Por outra parte, Agustín Hernández sinalou que "os faldróns orientados ás fachadas exteriores dos corpos sur e oeste do claustro presentan descomposición, roturas e pouca adherencia, de xeito que se retellarán por completo".

Outras intervencións na Colexiata
Entre as actuacións previstas na Colexiata do Sar destaca a intervención nos revocos exteriores dos muros do claustro, que están afectados por humidade. A auga que ascende dende a cimentación contén sales que afectan a estes revocos. Os técnicos do Consorcio propoñen a súa substitución por outros macroporosos deshumidificantes, cun acabado final de pintura ao silicato.

O Consorcio de Santiago xa ten realizado diversas obras no templo con anterioridade. No ano 1995 fíxose unha intervención nas cubertas do conxunto. En 2005, entre outras actuacións, instalouse un novo corpo cortaventos. Hai catro anos restaurouse a porta principal da igrexa e hai dous anos acondicionáronse os chanzos de acceso á mesma. De xeito global, estas intervencións supuxeron uns investimentos de 313.074,85 euros.

Compartir: