ALCALDÍA

Agustín Hernández convidou os padroneses a vivir o seu día nas Festas do Apóstolo

28/07/2014 Como cada ano por estas datas, as Festas do Apóstolo dedican unha xornada á Padrón, tradición que tamén se repite á inversa nas festas de Pascua da vila veciña. Foi ocasión para lembrar os lazos históricos que unen a Santiago e a Padrón e para renovar os compromisos de colaboración en diversas materias.

A Corporación compostelá recibiu a súa homónima padronesa para dirixirse á Casa do Concello. Alí, o alcalde compostelán, Agustín Hernández, lembrou que esta tradición do Día de Padrón, "dá mostras da boa veciñanza, da hospitalidade e dos lazos de unión que dende moi antigo manteñen os cidadáns dos dous concellos". Trátase, dixo, dunha relación "chea de sintonía e de identificación".

Agustín Hernández falou da historia común de séculos entre ambas cidades, tendo como especial fitos de referencia "o inicio da tradición xacobea, onde Padrón figura como punto de partida, coa chegada dos restos do Apóstolo; a condición de Padrón na antigüidade como porto pesqueiro e comercial para Compostela; ou a historia compartida de figuras de tanta transcendencia na cultura de Galicia como os bispos Teodomiro e Diego Xelmírez, ou a gran referente da poesía e da alma de Galicia, Rosalía de Castro".

Seguindo coa tradición xacobea, amosouse convencido de que "o Padrón e o Santiago do mañá seguirán tendo no Apóstolo o seu principal referente e que, coa súa festa, seguiremos honrando, non só un símbolo cultural e relixioso, senón tamén un nexo de unión, de hospitalidade e de convivencia de dous pobos próximos na distancia, pero tamén estreitamente ligados pola historia, pola tradición e, sobre todo, pola vontade das súas xentes".

Na súa intervención ante as dúas Corporacións, o rexedor municipal falou da "frutífera relación" en ámbitos como o social, o empresaria, o comercial e, sobre todo, o cultural e turístico". A esta colaboración tamén se referiu o alcalde de Padrón, Antonio Fernández, citando os exemplos máis próximos: a promoción turística a través de Área Santiago ou a recente peregrinación de Santiago a Padrón, celebrada o 5 de xullo para reivindicar esta vella ruta.

O rexedor padronés enviou unha "aperta" a todos os composteláns, cos que os padroneses teñen "sólidos lazos" e tivo unha lembranza para as vítimas do accidente de Angrois e as súas familias. Ademais, aproveitou o seu primeiro encontro con Agustín Hernández para expresarlle os seus mellores desexos no seu estreado mandato.

Despois dos discursos, as dúas Corporacións saíron aos balcóns de Raxoi para escoitar as interpretacións das bandas municipais de música das dúas vilas. Ambas pecharon a súa actuación cos himnos galego e español.

Compartir: