ALCALDÍA

O Concello recibe 227.000 euros da Deputación para o Plan de Competitividade Turística e o Festival Curtocircuíto

28/07/2014 O alcalde compostelán, Agustín Hernández, e o presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, asinaron dous acordos polos que a capital galega recibirá 227.000 euros, destinados ao Festival Internacional de Curtametraxes Curtocircuíto e ao Plan de Competitividade Turística. O rexedor agradeceu o "compromiso" da institución provincial con Santiago, que se concreta neste acordos e noutros que se asinarán proximamente, como o que permitirá a construción dun novo campo de herba artificial en Conxo.

Para o Festival Curtocircuíto, a achega provincial é de 112.000 euros, cos que se financia o 80% do evento, que alcanza os 140.000 euros. Esta cita, que se desenvolve ao longo de todo o ano, inclúe un concurso de curtas e programas temáticos, ademais de actividades complementarias como o Mercado Internacional de Curtametraxes, un encontro dos centros audiovisuais de Galicia, actividades educativas, charlas, cafés-coloquio e mesas redondas.

A achega destinarase a financiar os gastos de dirección do festival, realización, produción, aluguer de equipos, xurado e cachés das actuacións, ademais de viaxes e aloxamentos.

No caso do Plan de Competitividade Turística, a Deputación colabora con 115.000 euros na promoción das feiras de turismo, en presentacións e workshops e en eventos gastronómicos, así como na acollida e atención a visitantes e en todo tipo de accións de dinamización. Tamén se inclúe neste acordo o financiamento da web de Turismo de Santiago, coa recollida e edición de contidos, análise e tratamento de datos. A Deputación faise cargo do 80% do orzamento total de 143.750 euros.

Arranxos viarios
Noutra orde de cousas, o alcalde tamén valorou a aprobación no pleno do mércores 30 da institución provincial dunha partida de 751.102 euros para o Concello de Santiago correspondente ao Plan DTC93. Con esta achega reformarase o firme na rúa da Vieiría, urbanizarase o camiño da Raxeira e renovarase a pavimentación da avenida de Vilagarcía. Sobre esta última actuación, o alcalde recordou que suporá un investimento duns 400.000 euros.

Esta partida súmase aos 553.615,73 euros do Plan de Obras e Servizos 2014, que tamén se destinará á mellora de viarios. En concreto, renovarase o pavimento na rúa Rapa da Folla por 45.295 euros e adecuaranse diversas pistas das parroquias de Santiago por 508.320 euros. No caso do Plan de Conservación de Estradas, Santiago beneficiarase este ano dunha achega de 811.308 euros.

Campo de fútbol de herba artificial en Conxo
O Concello ten previsto formalizar novos convenios coa Deputación coruñesa en outono. Un deles terá por obxecto a construción dun novo campo de fútbol de herba artificial en Conxo. "Hai días recibimos o informe favorable de Patrimonio e en breve remitiremos á Deputación toda a documentación para que esta poida aprobar o convenio en setembro e poidamos contratar esta obra na última parte de 2014", apuntou Agustín Hernández. A achega provincial será de 200.000 euros, para unha obra que ten un custo total de 500.000 euros.

A actuación máis importante deste proxecto será a colocación de herba sintética no actual campo de terra situado a carón do Psiquiátrico de Conxo. Ademais, acondicionarase o campo existen de herba natural, realizarase o peche perimetral das instalacións -separándoas así totalmente do centro sanitario- e cubrirase parte da grada. Así mesmo, cambiaranse as torretas de iluminación e construiranse novos vestiarios.

Compartir: