DEPORTES

A Volta Ciclista da Ascensión recupera o seu formato tradicional

16/01/2007 A Fundación Compostela Deporte presentou a Volta Ciclista da Ascensión 2007, que se celebrará os días 17, 18 e 19 de maio. Esta proba, que conta cunha traxectoria de quince edicións, non se celebra desde 1991.

O alcalde de Santiago e presidente do padroado da Fundación Compostela Deporte, Xosé Sánchez Bugallo, amosou a súa satisfacción pola recuperación dunha volta que "forma parte da memoria colectiva de tódolos composteláns". Ademais, lembrou o "esforzo" organizativo que terán que desenvolver a Fundación e o Club Ciclista Compostela, co seu presidente Nemesio López ao fronte, durante os próximos meses e os días da competición. Sánchez Bugallo amosouse convencido de que todo o traballo "pagará a pena" e os composteláns se sentirán "orgullosos" da mesma e "optimistas" cara á continuidade do evento.

A Carreira contará cun percorrido de 416,6 quilómetros nos que o pelotón pasará por diversos puntos da cidade, así como dos 27 concellos veciños, aos que o concelleiro de Deportes de Santiago e vicepresidente da Fundación, Manuel Portas, amosou a súa "gratitude" pola "acollida" á Volta.

De non haber novidades, a edición do presente ano será na que participen un maior número de equipos galegos, xa que están federados en Galicia este ano as formacións de elite e sub-23 do: C.C. Estradense-Hierros Diego, C. C. Vigués-PSA Vigo-Autronic; C. C, Spol-Caixanova; G. D. Supermercados Froiz; C. C. Cambre-Frisonoble; C.C. Cidade de Lugo e C.C. Luís Ocaña da Coruña; pero tamén haberá equipos doutras autotomías españolas e de Portugal.

A saída da carreira cada un dos seus tres días de competición se realizará dende a Praza de Europa (sita no Centro Comercial Área Central) e as chegadas serán na Avenida Juan Carlos I. A primeira etapa desenvolverase o día 17, cun percorrido de 148,6 quilómetros, con dúas metas voantes situadas nos concellos de Ordes e Arzúa e cos altos de Santa Irene, Castro Cumeiro e Camporrapado. A segunda etapa terá 131,5 quilómetros e contará cos altos de Enxeriz e Portodemouro, que terán que afrontar os corredores a partir do quilómetro cen. A derradeira etapa constará de 136,5 quilómetros e nela subirase o cumio máis alto da proba, o de Lampai.

A presentación contou cunha ampla representación do presidente da Federación Galega de Ciclismo Sabino Cortizo, o director xeral de Turismo da Xunta de Galicia Rubén Lois, unha representación dos alcaldes e concelleiros de deportes dos distintos municipios polos que pasará a proba, así como dos patrocinadores da mesma: a Sociedade do Plan Xacobeo, Área Central e Caixanova.

Compartir: