XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno abre o procedemento de adxudicación do servizo de comedores escolares para os cursos 2015/16 e 2016/17

28/08/2015 A Xunta de Goberno Local aprobou a apertura do procedemento de adxudicación do servizo de comedores escolares para os cursos 2015-2016 e 2016-2017, así como a súa tramitación urxente. Ata que se de adxudique o novo contrato, prorrógase o existente coa empresa que actualmente ten concedido o servizo.

Segundo explicou o alcalde e voceiro da Xunta de Goberno, Martiño Noriega, estímase nuns dous meses o tempo de tramitación. Ata entón, seguirá prestando o servizo a actual adxudicataria. As ofertas dos licitadores en canto á prestación contratada non poderán superar os seguintes prezos: almorzo, 1,85 € + IVE; xantar, 4,13 E + IVE.

Licenzas
No capítulo de licenzas, destacan varias concedidas ao Consorcio de Santiago para intervencións na fachada de San Paio de Antealtares, na escaleira helicoidal do mosteiro de San Domingos de Bonaval, no grupo escultórico e fachada da Facultade de Xeografía e Historia e na fachada e cuberta da igrexa de San Francisco. Tamén se lle outorgou o permiso ao Arcebispado de Santiago para traballos na fachada e na cuberta da torre do mosteiro de San Martiño Pinario.

Abastecemento en Lavacolla e Marrozos
A proposta do concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, ratificouse a prórroga do convenio entre o Concello de Boqueixón e o Concello de Santiago para o abastecemento de auga potable nas zonas de Lavacolla e Marrozos. É este municipio limítrofe de Santiago o que presta o servizo en virtude deste acordo, dado o problema estrutural que ten o Concello compostelán para facelo. Afecta a unhas 76 vivendas en Lavacolla e outras 20 en Marrozos.

Suspensión temporal
Outro dos acordos da Xunta de Goberno foi a suspensión temporal parcial das obras de urbanización do SUNP-11 do Castiñeiriño, unicamente no ámbito dos centros de transformación, actualmente baleiros á espera do subministro e colocación pola empresa subministradora.

Convenio co Obradoiro
Na sesión tamén se deu conta da sinatura do convenio de colaboración entre o Concello de Santiago e o Obradoiro Club de Amigos de Baloncesto SAD para o ano 2015. O Concello achega 55.000 euros.

Documentos relacionados



Compartir: