ACCIÓN CULTURAL

Rematan as actividades das Mañás de Verán e de Xogo nos centros socioculturais

31/07/2015 Este venres finalizaron as Mañás de verán e de xogo, incluídas no programa Vive o verán, que durante todo o mes de xullo se desenvolveron nos centros socioculturais de Vite, Conxo, Santa Marta, Fontiñas, A Gracia e Nemenzo. Concluíu tamén o campamento infantil organizado pola Asociación de Veciños "Nova Xeira" de Figueiras no local sociocultural desta parroquia.

Saídas culturais, obradoiros de plástica, xogos nos parques e nas contornas dos centros, visitas a museos e á radio, obradoiros de títeres, visitas aos centros da Policía Local e da Banda Municipal de Música, camiñada a Padrón, xincanas e grandes xogos foron algún das moitas actividades das que desfrutaron os rapaces, aprendendo xuntos e coñecéndose durante estas catro semanas do mes de xullo.

Participaron 228 rapaces con idades comprendidas entre os 5 e os 12 anos. Ademais, o programa atendeu á conciliación de 56 familias que solicitaron o horario ampliado, con entrada ás 8:00 e saída ás 15:00 horas.

Novas actividades en setembro
En setembro aínda pode desfrutarse da programación prevista no programa Vive o verán, con obradoiros "Medrar en familia" para familias con bebés, co seguinte calendario:

- 12 de setembro, ás 11:00 h, no CSC de Conxo: "Obradoiro de masaxes"
- 15 de setembro, ás 18:30 h, no CSC das Fontiñas: "Club de contistas"
- 16 de setembro, ás 17:30 h, no CSC de Santa Marta: "Aprendo facendo"
- 17 de setembro, ás 17:30 h, no CSC de Vite: "Un mundo de sensacións"

Estes obradoiros son de balde e están dirixidos a familias con bebés de 0 a 24/36 meses. Hai prazas dispoñibles para 12 familias en cada obradoiro.
Ademais, está programada unha excursión ás Médulas o 27 de setembro e unha nova sesión do programa Imos ao baile, o 5 de setembro, na Casa das Asociacións de Cornes.

Os centros socioculturais permanecerán pechados durante o mes de agosto. No mes de setembro, os interesados/as poderán obter nos propios centros a información para inscribirse nestas actividades.

Compartir: