CONSORCIO

O Consorcio reparará a cuberta da igrexa de San Paio de Sabugueira, situada na Lavacolla

06/07/2015 No marco das actuacións que o Consorcio de Santiago leva a cabo no patrimonio do termo municipal, e moi estreitamente relacionado coa cidade histórica e os Camiños de Santiago, vaise intervir na igrexa de San Paio de Sabugueira, situada na Lavacolla. Os traballos, cuxo orzamento global ascende aos 18.554,44 euros, centraranse en particular na cuberta do templo e está previsto que rematen no prazo de dous meses.

A arquitecta da Oficina Técnica do Consorcio de Santiago responsable deste proxecto, Idoia Camiruaga, explica que "a finalidade desta intervención é reparar a cubrición do templo, eliminando, así mesmo, as plantas superiores dos encontros entre o tellado e a torre-campanario".

A arquitecta sinala que a torre-campanario e os remates superiores da fachada amosan algunha invasión de plantas que enraízan nas xuntas e tamén nos encontros entre elementos construtivos. Ademais, a cuberta atópase en mal estado, xa que ten moitas tellas desprendidas, co risco que supón para o normal uso do adro e do cemiterio. A pesar disto, non hai filtracións de auga no interior do edificio pola existencia de placas de fibrocemento debaixo das tellas.

Substitución da tella
Na cuberta do templo substituirase a tella. "Prevese a colocación dunha peza especial de cinc-chumbo de remate no cumio do tellado, baixo a tella, para asegurar a ventilación da cámara baixo o fibrocemento", indica Camiruaga. Por outro lado, efectuarase unha revisión dos encontros entre o tellado e o remate da fachada principal, coa colocación de babeiros de chumbo ou de cinc-chumbo, na medida en que sexan necesarios.

Compartir: