DESENVOLVEMENTO URBANO SOSTIBLE

O Concello participou en Madrid no I Congreso Cidades Intelixentes

28/03/2015 Esta semana, o Concello de Santiago participou en Madrid no I Congreso Cidades Intelixentes, organizado pola Rede Española de Cidades Intelixentes, onde se falou do proxecto de Smart City Smart iAGO co que o Concello participará o próximo mes de abril nos premios "Smart Cities 2015".

Dende o Concello de Santiago estase a traballar neste proxecto de cidade intelixente que está recibindo diversos recoñecementos. Proba do cal é o feito de que Compostela acaba de ser elixida como sede da terceira edición do Congreso Cidades Dixitais, a tecnoloxía aplicada a un novo concepto de sociedade, que se celebrará os días 21 e 22 de abril no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia.

Neste congreso presentaranse os últimos avances en tecnoloxía Smart para cidades, rexidos baixo os principios de desenvolvemento sustentable, innovación tecnolóxica e eficiencia na xestión, destinados a mellorar os servizos que se prestan aos cidadáns.

O encontro sobre Cidades Intelixentes, que está organizado pola Confederación Española de Empresas de Tecnoloxías da Información, Comunicacións e Electrónica, CONETIC, en colaboración coa Asociación TIC en Galicia, INEO, contará coa presenza de representantes das administracións españolas, concellos nacionais e representantes de cidades e institucións de Colombia, México, Perú e Uruguai, así como representantes da industria tecnolóxica marca España.

O obxectivo deste congreso é pór o coñecemento e as capacidades das empresas TEIC ao servizo das cidades e as comunidades.

Para a concelleira de Desenvolvemento Urbano Sustentable, Teresa Gutiérrez, "é unha honra para Santiago ser a cidade elixida para acoller a terceira edición deste congreso. En Santiago de Compostela temos o reto de conservar este patrimonio que herdamos adaptándoo ás necesidades do século XXI. A nosa aposta pola Smart City nace no propio centro histórico de Santiago, conservando o pasado e resolvendo os problemas tecnolóxicos actuais".

Neste congreso analizaranse as últimas visións, tendencias e boas prácticas, novidades tecnolóxicas e outros aspectos que condicionan o avance das cidades cara a un modelo Smart.

Contarase cunha gran representación de concellos españois. Cidades como Bilbao, Valencia, Ávila ou Logroño entre outras, que acompañarán a representantes de cidades galegas como Lalín, Ourense, a eurocidade Chaves-Verín, xunto coa cidade que acolle o evento, Santiago de Compostela, xa confirmaron a súa participación. Da súa man mostrarase como os concellos están a integrar nas súas estratexias de cidade proxectos de transporte intelixente, auga, residuos, accesibilidade, goberno aberto, entre outros ámbitos Smart.

Nesta edición, o Congreso ábrese ao encontro e intercambio de experiencias cun grupo de mandatarios de cidades latinoamericanas, que buscarán posibilidades de establecer colaboracións con empresas españolas en proxectos Smart para as súas cidades.

Nesa apertura internacional, o congreso buscará tamén o achegamento ao coñecemento das axencias multilaterais de financiamento, o seu funcionamento e como pode unha empresa española participar nos grandes proxectos liderados por estes axentes de financiamento.

Catro serán as áreas troncais sobre as que se articulará as mesas de debate: Xestión e reaproveitamento de residuos, Transporte intelixente de persoas e mercadorías, Seguridade nas Smart Cities e Accesibilidade na cidade e no fogar. O Concello participará activamente na mesa redonda sobre xestión de residuos, onde se falará da estratexia da cidade neste ámbito, que constitúe ademais un dos pilares do proxecto Smart iAGO.

Expertos procedentes de institucións como Fenitel, Centac, Fundación Once, INCIBE, ICO Rede.é, RutaN de Medellín, Relais Internacional, e empresas como Asintec, Get-App Spain, Ayco, Quantitas Energy, Efincen Research, Suma Info S.L Streaming Galicia, Proconsi ou Conceptual KLT, entre outros, achegarán a súa experiencia e coñecemento nas mesas de debate e nos espazos de demostración que se habilitarán durante as dúas xornadas de duración do Congreso.

Direcciones relacionadas



Compartir: