TURISMO

TripAdvisor, JustEat, Paradores e Gadisa falarán de marca e reputación on line nas xornadas #ComposGastroBlog

28/03/2015 O Hostal dos Reis Católicos acollerá o 9 e 10 de abril #ComposGastroBlog, as primeiras Xornadas de Gastronomía e Comunicación 2.0 que se celebran baixo o paraugas de Compostela Gastronómica, a marca que Turismo de Santiago quere consolidar para a promoción da cidade como destino gastronómico. A inscrición a #ComposGastroBlog pode facerse a través de ecomevents.es.

En #ComposGastroBlog participarán dende empresas con importante presencia na Rede que consultan milleiros de persoas para valorar se ir ou non a un restaurante, como TripAdvisor, ata empresas capaces de deseñar campañas virais con amplísima difusión nas redes sociais, como Gadisa que, coas súas campañas de Vivamos con galegos, logrou xa máis de tres millóns de visualizacións na súa canle de Youtube.

#ComposGastroBlog diríxese a cociñeiros e profesionais do sector da hostalería, que poderán coñecer as posibilidades que lles ofrecen as redes sociais e as novas canles de comunicación para os seus traballos. Pero tamén se dirixe a blogueiros e comunicadores gastronómicos, que poderán intercambiar ideas e experiencias nun evento deseñado a súa medida.

O programa de #ComposGastroBlog comeza o día 9 de abril con "Facendo Marca", unha mesa redonda na que participan a directora de Marketing de Paradores, Estefanía Gómez; o director de Marketing de Gadisa, Antonio Cortés; o responsable de Marketing de Alotofus, plataforma de captación de talento na Rede, Carlos Otero; e a xornalista e blogueira Belén Parra, do blog Gastronomistas.

O día 9, ás 19:30 horas, tamén haberá unha charla de Paco Nadal, un dos blogueiros máis coñecidos e seguidos de España, que escribe o seu blog en "El Viajero" de El País, e que ten máis de 25.000 seguidores na súa conta de Twitter. Tras a charla de Paco Nadal haberá unha degustación de produtos de Área Santiago á que estarán convidados todos os inscritos ás xornadas.

A mañá do venres comezará cunha mesa redonda titulada "A reputación séntase á mesa", na que participarán catro profesionais que ofrecerán distintas perspectivas sobre a importancia que unha boa reputación en Internet ten para un restaurante. Participarán Blanca Zayas, de TripAdvisor; Fidel Martín, do blog Instinto Humano; Manuel Bustabad, do medio electrónico especializado en Turismo Expresso; e Iago Pazos, do restaurante compostelán Abastos 2.0.

Pola mañá haberá outra mesa redonda que formulará a pregunta: "¿Ofrecemos novas fórmulas na mesa?". Nesta mesa, moderada pola directora da Escola Superior de Hostalería de Galicia, Patricia Cuevas, participarán Nábila Prieto, de JustEat; Raquel González, de Eltenedor.es, Antonio Muíños, da empresa galega Portomuíños; e Mariano Munuera, de BAP&Conde.

#ComposGastroBlog pecharase o venres pola tarde cun coloquio no que se amosarán cinco casos de éxito na Rede, Viajes Chavetas, Fedegustando, Gastronomía en Verso, Galicia Mola e Mariskito.com, que suman milleiros de seguidores nas súas contas en redes sociais e blogs.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: