XUNTA DE GOBERNO

Aprobadas tres novas iniciativas para a promoción da lingua galega

27/02/2015 O Goberno local deu o visto bo a tres novas iniciativas para a promoción da lingua galega. Trátase do proxecto Apego e da convocatoria dos concursos de proxectos publicitarios e de vídeo-creación en centros de ensino. Estas tres accións, en palabras do alcalde, Agustín Hernández, teñen en común "a promoción, defensa e divulgación do idioma galego entre a poboación e, de forma moi especial, entre a infancia e a mocidade, para tratar de contribuír a elevar os índices de autoestima e de utilización do noso idioma".

O proxecto Apego, aprobado pola Xunta de Goberno e promovido polo Concello de Santiago con outros dez municipios galegos, ten como obxectivo incrementar a porcentaxe de nenos e nenas que adquiren o galego como lingua inicial. "Tamén se pretende promover que usen o idioma de maneira habitual, con accións dirixidas ao ámbito familiar e social das crianzas ata os seis anos e cun método de continuidade que se irá enriquecendo en rede", indicou.

Aprobouse tamén un protocolo que establece redes de colaboración entre os concellos e entre departamentos da propia Administración municipal, para desenvolver de forma conxunta e coordinada o citado programa.

III Concurso de proxectos de publicidade comercial en galego
O III Concurso de proxectos de publicidade comercial en galego, cuxa convocatoria foi aprobada pola Xunta de Goberno, trata de incidir unha edición máis no uso da lingua galega nos establecementos xa asentados no termo municipal e naqueles que se vaian incorporando á actividade comercial.

O certame, dirixido a profesionais do deseño e da publicidade, así como a establecementos comerciais e de hostalería, ten un premio de 5.000 euros.

II Concurso de vídeo-creación para centros de ensino
Por último, acordouse tamén a convocatoria do II Concurso de vídeo-creación para centros de ensino, dirixido a potenciar o traballo audiovisual e o uso da lingua galega entre a comunidade educativa, con premios de 400 euros para cada nivel educativo: infantil, primaria, secundaria obrigatoria e postobrigatoria.

Documentos relacionados



Compartir: