XUNTA DE GOBERNO EXTRAORDINARIA

Comeza no mes de xaneiro a segunda fase das obras do barrio de Vista Alegre

19/12/2014 A Xunta de Goberno extraordinaria celebrada esta semana vén de aprobar a adxudicación da segunda fase das obras para a mellora da mobilidade e accesibilidade do barrio de Vista Alegre, que comezarán no vindeiro mes de xaneiro.

As obras foron adxudicadas á empresa Petrolam A Veiga, S.L., por un importe de 832.707 euros, e cun prazo de execución de 10 meses. O proxecto, que está incluído no programa Santiago Urbana Norte, dálle continuidade ás obras da primeira fase, actualmente en avanzado estado de execución.

As obras comprenden un tramo da rúa Noia e a totalidade da rúa de Santa Comba, rúa San Xoán e o vial lindeiro co Parque de San Xoán.

O obxectivo é a reordenación da totalidade do barrio, eliminando terrazas, os pasos soterrados e os pasos cubertos para a súa adecuación á normativa de accesibilidade. Asemade, melloraranse as instalacións e os materiais, redefiniranse as seccións das rúas, redistribuirase a circulación rodada e incorporarase novo material urbano como bancos, papeleiras e xardineiras.

Execución dun novo vial
Como actuación singular destaca a execución dun novo vial para conectar a rúa de Noia coas de Rianxo e Santa Uxía de Ribeira, que virá a substituír ao túnel actualmente existente, que poderá ser destinado a outros fins.

Entre as unidades de execución inclúese a renovación da rede de saneamento, con 900 m. de tubaría, 35 pozos de rexistro e 36 sumidoiros; nova rede de abastecemento con 495 m. de tubaría e colectores xerais de 442 m.; rede de rego de 200 m.; rehabilitación das arquetas eléctricas existentes e da rede de telecomunicacións.

Tamén se renovará a iluminación, coa instalación de 58 farois coas súas luminarias; construiranse illas para a instalación soterrada de colectores selectivos de lixo; levarase a cabo a pavimentación do vial con adoquín sobre base de formigón; e por último pintaranse os viais e executaranse traballos de xardinería para rematar a mellora integral da área.

Novo contrato para subministración de vehículo lixeiro contraincendios
En Xunta de Goberno extraordinaria acordouse tamén adxudicar un contrato de renting con opción de compra, por importe de anual de 83.853 euros, coa empresa Transtel, S.A., para a subministración dun vehículo lixeiro con destino ao parque de bombeiros. O contrato, cunha duración de catro anos, vai permitir ampliar e modernizar este importante servizo municipal.

O vehículo é un IVECO Eurocargo de 4.485 cm3, con 210 c,.v., con cabina dobre, que inclúe, entre outros complementos específicos, cisterna inoxidable de 1.000 litros, bomba autecabte de 400 l/min de media e baixa presión, teito antideslizante con varandas e escaleira, 7 cofres para material con persianas de aluminio, mástil de iluminación con xerador eléctrico, escaleira portátil e mangueiras de diferentes lonxitudes e diámetros.

E novas prendas para a policía municipal, a través da adxudicación dun contrato de subministro de prendas a medida, que recaeu en El Corte Inglés por un importe de 27.469 euros.

O subministro, que vai permitir renovar o vestiario conforme ás necesidades concretas, inclúe 11 camisas brancas de gala, 43 cazadoras tipo polar, 6 chaquetas de gala, 7 chaquetóns, 23 gorras tipo béisbol, 1 gorra de prato de gala, 13 luvas de gala, 81 pantalóns de faena de inverno, 46 pantalóns de faena de verán, 183 pares de calcetíns de inverno, 179 pares de calcetíns de verán, 62 polos de manga curta, 78 polos de manga longa, 44 suéter tipo polar, 77 camisetas interiores, 8 saias/pantalóns de tea de inverno e 6 saias/pantalóns de tea de verán.

Concesión de subvención á Fundación Gonzalo Torrente Ballester
A Xunta de Goberno acordou a concesión dunha subvención, a formalizar mediante o correspondente convenio, coa Fundación Gonzalo Torrente Ballester, para colaborar nos gastos derivados das exposicións: "Manuel Quintana Martelo: desde La saga fuga de JB" e "Para GTB". A primeira delas sobre os traballos realizados polo pintor compostelán arredor da obra narrativa de Torrente Ballester; e a segunda, baseada en imaxes de Vari Caramés, Yolanda Herranz, Jesús Pastor e Julio Zachrisson, con visitas guiadas e presenza periódica dos propios autores nas salas de exposición.

Novo material para o centro xove de creación cultural da Almáciga
E por último, adxudicouse o contrato de subministro e instalación de mobiliario para o Centro Xove de Creación Cultural da Almáciga que lle correspondeu á empresa Lógica Equipamientos Intergales, S.L., por un importe de 35.090 euros.

O contrato contempla o subministro de 16 mesas rectangulares,100 cadeiras pregables, 30 cadeiras pregables con atril, 1 cadeira operativa, 1 caixoneira, 2 armarios altos, 5 estantes, 6 percheiros, 6 papeleiras, 2 sofás de 3 prazas, 4 butacas, 2 mesas auxiliares, 2 mesas altas con 10 taburetes, 3 portacarteis, 1 mesa de estrutura cromada, 20 atrís pregables, 6 carros de transporte de cadeiras, 2 fundas de mesa, 1 cortina e telón para escenario con riel motorizado, 4 plataformas de escenario e 3 espellos de parede.

As obras para a construción desta infraestrutura están actualmente na fase final de licitación, contando cun importe de 229.722 euros e un prazo de execución de seis meses.

O edificio estará localizado nunha parcela na que xa existen nestes momentos dous edificios destinados a ensino (CEIP Apóstolo Santiago e Escola Municipal de Música).

O Centro Xove nace coa intención de convertese nun espazo para a xuventude da cidade, no cal poidan desenvolver as súas inquedanzas e poñer en práctica a súa labor cultural.

Compartir: