COMERCIO

O Concello dinamiza o comercio da zona norte da cidade con "Revive o barrio"

19/11/2014 O Concello de Santiago desenvolverá a finais de novembro e na primeira quincena de decembro a campaña Revive o barrio, dentro do proxecto Urbana Santiago Norte. O obxectivo principal da campaña é dinamizar á poboación dos distintos barrios de Santiago de Compostela para que coñezan a oferta comercial, nalgúns casos singular, dos barrios da zona norte, obxecto do USN. Trátase de animar ao cidadán para que se achegue a estes barrios, fortalecendo o tránsito da poboación local duns barrios a outros a través do comercio.

O ano pasado por estas datas, e dentro da mesma liña de actuación realizouse a campaña No corazón do teu barrio, coa que se trataba de fomentar o consumo dos veciños no seu propio barrio e sensibilizalos do seu potencial. Neste momento, con esta nova campaña, trátase de dar a coñecer o tecido económico empresarial dos barrios do Urbana Santiago Norte ao resto da cidadanía, facendo fincapé nas súas singularidades e potencialidades, reforzando a idea de que teñen moito que amosar e que ofrecer, e fomentar así o consumo local.

A campaña organizarase entorno a tres fins de semana, dedicando cada un deles a un barrio, sendo o punto forte un xogo que se celebrará nos comercios de cada barrio o sábado correspondente. Para a realización da campaña distínguense catro grandes zonas: San Roque, Almáciga e Espírito Santo; Vite, Guadalupe e San Caetano; e Pelamios, Vista Alegre e Romaño. Aos efectos da celebración do xogo de pistas, dada a súa proximidade, nos barrios de San Roque, Almáciga e Espírito Santo haberá un único xogo conxunto, de aí que, aínda que sexan catro zonas, se realicen tres xogos en tres fins de semana, atribuíndo cada fin de semana a unha zona.

As fins de semana establecidas son as seguintes: do 21 ao 23 de novembro, xogo dos barrios de San Roque, Almáciga e Espírito Santo; do 28 ao 30 de novembro, xogo de Vite, Guadalupe e San Caetano; e do 12 ao 14 de decembro, xogo de Pelamios, Vista Alegre e Romaño. Os xogos terán un máximo de 30 participantes, organizados en grupos de cinco persoas que deberán realizar un xogo de pistas, deixadas nos distintos establecementos do barrio. Resultará gañador o equipo que resolva todas as pistas.

Como elemento de difusión, o elemento principal da campaña serán catro guías comerciais con todos os establecementos existentes nos barrios, complementado con información adicional sobre outras actividades de interese que realizar nos mesmos, como as súas festas, un mapa orientativo e os principais monumentos, fitos culturais e patrimoniais para visitar, así como as liñas de autobús que comunican os barrios co resto da cidade.

Compartir: