ALCALDÍA

O alcalde afirma que Womex converte a Santiago nunha monumental plataforma para a música de Galicia e doutros pobos

22/10/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, participou no Auditorio de Galicia na gala de inauguración de Womex 2014, a exposición de músicas do mundo que se celebra na cidade do 22 ao 26 de outubro. Grazas a este evento, a cidade recibirá máis de 2.600 delegados internacionais e será escenario, en diversos espazos, de concertos, proxeccións de cine, conferencias e encontros durante tres xornadas.

Tras recoñecer o labor da organización e dar a benvida á cidade a todos os que a visitan con motivo desta Feira Mundial da Música, Agustín Hernández destacou que, con Womex, "Santiago segue a fortalecer a súa tradición peregrina e musical, reaviva a súa función de crisol de culturas e convértese nunha monumental plataforma para a música de Galicia e tamén para outras músicas que forman parte da identidade de pobos entrañablemente diversos".

Tal como apuntara na presentación do certame, o alcalde reiterou que "quizais non exista un lugar mellor que Santiago para simbolizar o espírito universal da música, como elemento propio da evolución humana e sinal distintivo de culturas e pobos", porque "Santiago e os seus camiños son tamén resultado dun espírito universal e dunha longa tradición forxada con culturas moi diversas".

Detectou ese espírito universal de Womex, arredor de Compostela e os Camiños, no que "se agrupan artistas distintos e distantes que nos lembran a convivencia e a integración de culturas que lle deron vida e que seguen a latexar nesta cidade".

"Sen dúbida, durante estes cinco días valoraremos aínda máis o papel fundamental da música tradicional e a riqueza dunha evolución que, partindo das raíces, segue a crear culturas propias, cheas de identidade e expresivas dos valores e das esencias da terra", afirmou Agustín Hernández. E, apelando á espiritualidade da música, expresou o seu convencemento de que "Womex 2014 vai axudar a que moitos sintan a chamada desta música, se reencontren coas súas orixes e fortalezan as súas raíces".

Tras a apertura oficial, o Auditorio de Galicia acolleu o concertó inaugural de Womex 2014, baixo o título Compostela. Os Camiños, organizado polo gaiteiro Xosé Manuel Budiño e coa participación de artistas como Mercedes Peón, Xabier Díaz, António Zambujo, Jorge Pardo, Oreka TX ou Germán Gómez.

Direcciones relacionadas



Compartir: