EMPREGO

Arranca o programa Santiago Emprego III co obxectivo de conseguir a inserción laboral de 60 mozos e mozas menores de 30 anos

02/09/2014 A concelleira de Emprego, Reyes Leis, asistiu ao inicio do programa integrado Santiago Emprego III, un evento de referencia que se desenvolverá durante os vindeiros dez meses e que ten como obxectivo favorecer a busca activa e as posibilidades de inserción laboral de 60 rapaces e rapazas.

O programa comezou cunha xornada de lanzamento, celebrada no día de hoxe no edificio CERSIA, na que se informou ás persoas participantes sobre as características do programa, facendo fincapé nos perfís e competencias máis demandadas polas empresas na actualidade; déronse a coñecer os servizos e vías formativas existentes para a mellora das cualificacións profesionais; difundíronse aqueles recursos e ferramentas de utilidade para unha busca de emprego máis efectiva, atendendo especialmente ás posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías; ofreceuse orientación e asesoramento para a busca de emprego e facilitáronse os recursos específicos para a busca activa de emprego.

Programa Santiago Impulsa III
As persoas usuarias do programa participarán na simulación práctica dun proceso de selección estruturado en sete pasos:
1. Fotografía e imaxe persoal. As persoas participantes recibirán o asesoramento persoalizado dunha experta en imaxe persoal e un fotógrafo, no que se refire á imaxe e á fotografía máis axeitada para o seu curriculum. Ademais realizarase unha breve sesión fotográfica para que as persoas participantes poidan obter a foto máis axeitada para o seu curriculum.
2. Curriculum vitae europeo. Neste paso as persoas participantes poderán trasladar os seus curriculums ao formato de curriculum vitae europeo (Europass), contando coa orientación axeitada para todas as dúbidas que poidan xurdir.
3. Probas psicotécnicas. Estas probas poden presentarse nun proceso de selección en función do posto ao que optemos. O obxectivo é coñecer mellor as características das mesmas mediante unha simulación práctica que incluirá a realización de probas específicas habituais.
4. Dinámicas de selección. Simulación práctica de dinámicas habituais en moitos procesos de selección para coñecelas e afrontalas con maior seguridade.
5. Vídeo-curriculum. Entre os diversos formatos de curriculums orixinais ou creativos atópase o do vídeo-curriculum. Neste paso as persoas participantes poderán obter o seu propio vídeo-curriculum.
6. Entrevista de selección. Un dos aspectos que maior preocupación adoita suscitar nas persoas demandantes de emprego é o afrontamento de situacións como a entrevista, que precisamente é o método de selección máis empregado. Coa realización desta paso o obxectivo é que as persoas participantes coñezan da forma máis próxima á realidade posible o proceso da entrevista. Para iso, realizaranse simulacións de entrevista e ofrecerase asesoramento personalizado para afrontalas con maior coñecemento e seguridade.
7. Valoración individualizada do proceso. Finalmente, ofrecerase unha valoración global persoalizada do proceso de selección simulado, con orientacións específicas para as dúbidas das persoas participantes.

Técnicas de acompañamento
Tamén se darán a coñecer novas técnicas, as propostas de acompañamento: Grupos de Busca Colaborativos; Coaching para a busca de emprego e acompañamento:

O grupo de busca colaborativo supón un novo enfoque na procura de emprego mediante o cal, partindo dunha perspectiva de empoderamento persoal e grupal, se crean equipos de persoas desempregadas co obxectivo de mellorar a súa capacitación para a inserción sociolaboral.

O grupo de busca colaborativo estará composto por 10 persoas desempregadas que participarán, co apoio dun equipo técnico especializado, en sesións grupais de 2 horas, 2 días á semana, ademais de 1 hora de sesión individualizada.

Partindo dunha perspectiva de traballo aberta e flexible, e recollendo todas as posibilidades de emprego de Santiago de Compostela e comarca, o grupo colaborativo desenvolverá actividades de adestramento persoal e grupal, orientación, manexo da información, apoio a proxectos de emprendemento, creación de redes e favorecemento da visibilidade no mercado laboral.

Coaching para a busca de emprego

A metodoloxía do coaching concrétase na aplicación de técnicas de acompañamento que favorezan a capacitación das persoas participantes para unha busca de emprego máis eficaz. Deste xeito, mediante o proceso de coaching procúrase a toma de consciencia sobre o potencial de cada un de nós, incrementar a autoestima, así como definir con claridade os obxectivos para planificar mellor e aumentar o noso rendemento.

Con este propósito desenvolveranse dous seminarios intensivos, de catro horas cada un, de iniciación ao coaching para a busca de emprego. Ademais, dez persoas participarán en procesos de coaching individualizado a través de cinco sesións.

Programas e itinerarios do integrado Santiago Emprego III
1.Actividades de información, orientación e busca de emprego

Tralo diagnóstico inicial de cada participante desenvolveranse, ao longo de todo o programa, titorías personalizadas (online e presenciais) de seguemento e axuda na busca de emprego, definíndose os itinerarios máis apropiados para cada persoa participante.

2.Actividades de formación

Os cursos de mellora das cualificacións centraranse naqueles ámbitos sectoriais prioritarios do programa (hostalaría, turismo e servizos), sen excluír outros ámbitos específicos en función dos perfís, intereses e necesidades das persoas participantes. Ademais, desenvolveranse actividades formativas de carácter transversal (inglés a nivel oral, manexo de programas ofimáticos, etc.) e aquelas específicas de mellora da empregabilidade (definición de obxectivos profesionais, busca activa de emprego 2.0, grupo colaborativo de busca, coaching, etc.).

Referíndonos a ámbitos ocupacionais específicos podemos sinalar os seguintes módulos formativos:

- Dependente/a de comercio.
Módulos: atención ao cliente; caixeiro/a; dependente/a de produtos frescos; xestión de almacén; carretilleiro/a.
- Auxiliar de servizos de restaurante e bar.
Módulos: servizos básicos de restaurante/bar/cafetería; catering; auxiliar de cociña; cociña fría.
- Camareiro/a de piso.
- Acompañante de bus escolar.

3.Prácticas en empresas

En función dos itinerarios definidos, as persoas participantes interesadas poderán realizar prácticas formativas en empresas da cidade e Comarca, co obxectivo de favorecer a súa visibilidade no mercado laboral, mellorar as súas cualificacións e capacidades, así como en definitiva incrementar as posibilidades de inserción laboral.

4.Prospección de empresas e intermediación laboral

Os servizos da área de emprego do Concello de Santiago (prospección empresarial, busca de ofertas, servizos web, boletín de ofertas, etc.) poranse a disposición das persoas participantes para apoiar e reforzar a súa busca de emprego.

Compartir: