EDUCACIÓN

Preto de cincuenta nenos e nenas participan no programa de conciliación de setembro da Concellería de Educación

01/09/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, acompañado pola concelleira de Educación, María Corral, visitou o CEIP das Fontiñas, onde se está a desenvolver o programa de conciliación laboral e familiar organizado pola Concellería de Educación. Este centro vén de recibir un investimento de máis de 8.000 euros para arranxos, que se suma aos 5.000 que se destinaron á escola infantil do barrio.

O programa municipal de conciliación comeza de novo a súa andaina neste mes de setembro deste xeito, entre o 1 e o 9 deste mes, en horario de mañá, os nenos e nenas participantes, con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos, divírtense cos xogos programados, pero tamén aprenden.

Agustín Hernández salientou o "grande éxito" deste programa de conciliación de verán nos últimos tres anos. "Cubríronse todas as prazas e mesmo existía máis demanda", explicou, incidindo en que "cada vez é máis necesario que dende as administracións públicas, especialmente dende as máis próximas, como son os concellos, se contribúa a que as familias que comezan a traballar neste mes poidan ter os nenos con monitores ata o comezo do curso escolar o vindeiro día 10, atendidos e realizando actividades que non son as regradas dun ano escolar, senón lúdicas".

As actividades desenvólvese no CEIP das Fontiñas, como xa sucedeu en xuño e xullo, e os pais poden escoller entre diversas modalidades, tanto por número de días como por servizos ofrecidos. Das opcións elixidas depende o prezo final; o prezo medio está en 65 euros.

O horario do programa é de 9:00 a 14:00 horas, pero ofrécese a posibilidade de que as familias fagan uso ademais un servizo de madrugadores con almorzo (de 7:45 a 9:00 horas) e un servizo de comedor (de 14:00 a 15:30 horas). O servizo de madrugadores conta con 25 prazas en cada período e, o de comedor, con 45 prazas.

Obras nos centros educativos do barrio das Fontiñas
Durante a visita, o alcalde salientou o investimento que o Concello vén de aprobar para o CEIP das Fontiñas. Serán un total de 8.327,12 euros destinados á realización de pequenas obras demandadas polo centro que se inclúen no programa de mellora dos colexios da cidade durante o verán co obxectivo de que estean listo cando comece o curso. A este investimento súmase o orzamentado para a escola infantil das Fontiñas; 5.094 euros.

As obras no colexio de primaria consisten na reparación de linóleo, de baixantes, de varios elementos nos aseos; na instalación de porteiro automático, reposición de falso teito, substitución de pechaduras en portas interiores e reposición do areeiro. Na escola infantil estase procedendo a arranxar goteiras, humidades, reparación de estores, instalación de pestillos ou darlle unha nova man de pintura, entre outros.

En total o Concello destinará 300.000 euros a obras na rede de centros escolares municipais. Agustín Hernández indicou ademais que para o vindeiro orzamento haberá unha partida específica destinada ao arranxo de desperfectos nos ceip pq considera que "un axeitado mantemento evita un investimento maior".

Comedores
O rexedor aproveitou tamén para lembrar que neste momento se está pechando o proceso de matrícula en comedores e que en breve se resolverá a lista definitiva dos nenos que van a participar no programa de madrugadores e comedores.

O Concello xestiona os comedores escolares para 1.000 nenos, sendo a única cidade que cubre todos os centros de educación infantil e primaria.

Durante o curso 2012-13 púxose en marcha no Concello de Santiago o servizo de comedores e de madrugadores en nove centros públicos de educación infantil e primaria: CEIP Apóstolo Santiago, CEIP Ramón Cabanillas, CEIP Cardeal Quiroga Palacios, CEIP Roxos - Villestro, CEIP Monte dos Postes, CEIP Mestre Rodríguez Xixirei, CEIP Fontiñas, CEIP Vite I e CEIP Raíña Fabiola. Con tal motivo, asinouse un Convenio de colaboración coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que permite o seu financiamento durante os cursos 2013-2014 e 2014-2015. No caso do CEIP Arquitecto Casas Novoa só se ofrece o servizo de madrugadores.

Compartir: