ALCALDÍA

Primeira toma de contacto institucional de Agustín Hernández coas directivas da S.D. Compostela e do Santiago Futsal

21/08/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, mantivo sendas reunións cos presidentes do Santiago Futsal, Ramón García, e da Sociedade Deportiva Compostela, Antonio Quinteiro. Con ambos e acompañado pola concelleira de Deportes, María José Corral, analizou as súas expectativas para a temporada 2014-2015 que está a piques de comezar e transmitiu o apoio institucional do Goberno municipal a "dous clubs que levan o nome de Santiago por toda España".

Agustín Hernández analizou co presidente do Santiago Futsal e coa directiva da S.D. Compostela a situación deportiva e económica dos dous clubs, os cales recibirán do Concello neste exercicio unha subvención de 45.000 euros. No caso do club de fútbol, que este fin de semana iniciará unha nova temporada na Segunda División B, está inmerso na busca dun patrocinador. Sobre isto, o alcalde apuntou que "é un tema que lles preocupa, quedaron sen patrocinador oficial ao inicio desta temporada e están mantendo contactos. Nesa tarefa terán total apoio do Goberno municipal e da Corporación".

Tamén se comprometeu o rexedor municipal a analizar cuestións relacionadas coas instalacións do Multiúsos de San Lázaro, co obxectivo de "establecer unha folla de ruta e un plan de actuación para o futuro para recoller nos orzamentos de 2015. Sobre actuacións inmediatas, agarda que para o segundo partido xa poida estar listo o marcador. Igualmente, estase a traballar nalgún problema relacionado coa instalación de auga quente e co mantemento do campo.

O alcalde aproveitou estas reunións para convidar os veciños e veciñas de Santiago a "apostar polos seus clubs, subscribindo os abonos correspondentes". Neste sentido, a título persoal, Agustín Hernández anunciou que vai retirar o abono desta temporada da S.D. Compostela, do Santiago Futsal e do Obradoiro. "Son tres clubs que están a trasladar a imaxe da nosa cidade e están a repercutir na nosa actividade económica", indicou.

Compartir: