ALCALDÍA

O Concello de Santiago renova 42 instalacións deportivas ao aire libre en barrios e parroquias

20/08/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, acompañado pola concelleira de Desenvolvemento Urbano Sostible, Teresa Gutiérrez, visitou as pistas deportivas do Parque de Xixón, cuxa remodelación vén de rematar. Esta actuación está incluída no plan de mellora e mantemento de instalacións deportivas ao aire libre, cuxos detalles ofreceu o rexedor municipal. Iniciado en xuño e con data de remate en febreiro de 2015, este programa permitirá por a punto 42 pistas deportivas de barrios e parroquias de Compostela, cun investimento de 469.015 euros.

Segundo indicou Agustín Hernández, este plan permitirá por a disposición dos veciños unhas instalacións dignas para a práctica deportiva e tamén mellorar a imaxe estética deste tipo de instalacións. Ademais, este programa contempla o mantemento ordinario de todas as instalacións deportivas ao aire libre, o cal evitará o seu deterioro no futuro.

No caso concreto das obras nas instalacións deportivas do Parque de Xixón, incluídas no plan e xa rematadas, Hernández salientou a adecuación do pavimento para a práctica deportiva, que se atopaba moi deteriorado. Nivelouse a pista, puliuse a superficie, seláronse as fendas, pintouse completamente a pista cunha dobre capa e marcáronse as liñas de xogo.

Optouse por manter as tres pistas de baloncesto, posto que nas proximidades xa existe unha pista para a práctica do fútbol sala (Fermín Bouza Brey), recentemente reparada no marco deste mesmo programa. O investimento na área deportiva do Parque de Xixón foi de 8.628 euros.

Intervención integral en cada área deportiva
O plan de mellora e mantemento de instalacións deportivas ao aire libre contempla a renovación de 42 pistas deportivas en barrios e parroquias. Cun investimento de 469.015 euros, comezou a executarse en xuño e estará en marcha ata febreiro de 2015. Renovadas as pistas do Parque de Xixón, de Alexandre Bóveda e de Fermín Bouza Brey, xa están en marcha as intervencións nas das pistas de Galeras e de San Caetano (pistas de tenis en fronte ao edificio administrativo da Xunta de Galicia). A seguinte obra en comezar será a das pistas de Pontepedriña (situadas na zona coñecida popularmente como Vuelva Mañana).

Este programa realízase no marco do contrato de limpeza e mantemento de parques, xardíns e instalacións ao aire libre adxudicado a finais de 2013 á empresa Cespa. Xorde tras realizar unha completa análise de todas as instalacións deportivas ao aire libre da cidade e das parroquias, identificando as deficiencias de cada unha delas.

O plan presenta solucións axeitadas para cada caso, pero, en liñas xerais, comprende traballos como: limpeza intensa e lavado a presión, renovación ou reparación do pavimento, reparación de fendas, pintado e marcaxe de liñas de xogo, reposición ou reparación de peches perimetrais, reparación ou colocación de novo equipamento deportivo, mellora de pluviais ou limpeza de gradas (15 pistas).

Ademais, para evitar o deterioro destes equipamentos, está programado o mantemento ordinario de todas as instalacións deportivas ao aire libre dentro das zonas verdes: pistas deportivas, parques de skate, pistas de chave e pistas deportivas de céspede artificial.

Compartir: