FESTAS

Os Fogos do Apóstolo e o concerto de Loquillo na praza da Quintana, protagonistas da xornada do día 24

23/07/2014 As Festas do Apóstolo ofrécenos na xornada do 24 de xullo unha das citas máis esperadas de cada ano: o espectáculo nocturno e os fogos do Apóstolo, que comezarán ás 23:30 horas na praza do Obradoiro da man de Acciona Producciones y Diseño e Ricasa. Nesta xornada teremos ademais o concerto de Loquillo na praza da Quintana, a orquestra Los Satélites na Alameda, pasarrúas, xigantes e cabezudos e concerto de Atardecer no Gaiás.

A xornada comezará co tradicional encontro de xigantes e cabezudos na praza da Quintana ás 12:00 horas e, media hora máis tarde, ás 12:30 horas, na praza do Toural. Xa pola tarde, ás 20:00 horas, haberá un pasarrúas coa Charanga Compostela e, ás 21:00 horas, no Atardecer no Gaiás, poderemos escoitar a Austrian Sound Scapes nun concerto de entrada libre.

Ás 23:30 horas, a cita será na praza do Obradoiro, onde teremos o prato forte do día. Alí, poderemos admirar o espectáculo nocturno dos Fogos do Apóstolo da man de dúas das empresas máis consolidadas e especializadas en multimedia e pirotecnia respectivamente, Acciona Producciones y Diseño e Pirotecnia Ricardo Caballer. Acciona xa organizou os Fogos en numerosas ocasións e de feito, o espectáculo multimedia realizado pola empresa no 2011 foi galardoado co Premio ao Mellor Evento Cultural de Europa nos European Events Awards 2012 e o espectáculo do 2012 leva máis de medio millón de visitas en internet traspasando fronteiras e chegando a todos os recunchos do planeta.

Como novidade respecto da última edición, Acciona recupera para o espectáculo, despois duns anos de ausencia, a fachada e empalizada neogóticas, un decorado efémero utilizado tradicionalmente neste día e sobre o que se proxectará por primeira vez mapping, técnica que consiste en crear imaxes ou vídeos sobre obxectos tridimensionais ou construcións arquitectónicas. Ademais, este ano dáse a particularidade de que parte da Catedral está cuberta por unha estrutura de estadas, un elemento que a emprsa soubo adaptar ao espectáculo, integrándoo na narrativa visual mediante o uso da iluminación e pirotecnia.

A través de varias metáforas visuais que permitirán revivir algúns episodios da tradición xacobea, a Catedral transformarase en distintas personaxes e elementos que forman parte da súa memoria. O espectáculo deste ano dividirase en varias secuencias: Unha lembranza de luz, un camiño de enerxía; O inicio do camiño e o traslado do mártir; O descubrimento do sepulcro; O tempo corre a través do tempo; San Francisco de Asís fai o Camiño de Santiago; Símbolos da tradición xacobea; Tradición xacobea en Santiago, Galicia e o mundo; De festa coa Catedral; Queima da Fachada Neogótica e Final de fogos (un clímax final de pirotecnia, luz e son).

O impacto visual, grazas ao uso de 9 proxectores de 22.000 lumens cada un e de 18 focos móbiles de led xunto coa montaxe de son de máis de 50.000 w e os fogos artificiais, co lanzamento de 4.200 artefactos que acompaña todo o relato, completarán un brillante espectáculo.

A continuación dos Fogos e o espectáculo visual, ás 24:00 horas teremos a Loquillo e a súa banda en concerto na praza da Quintana. Este concerto será de entrada libre ata completar o aforo. E a esa mesma hora, 24:00 horas, na Alameda, comezará a actuación da orquestra Los Satélites.

Compartir: