ALCALDÍA

O Pleno aprobará unha declaración institucional en defensa do partido xudicial de Santiago

22/04/2014 O alcalde compostelán, Ángel Currás, anunciou, trala reunión da Xunta de voceiros, que o Pleno da Corporación aprobará, co apoio dos tres grupos, unha declaración institucional en defensa da demarcación xudicial de Santiago.

Os tres grupos políticos con representación no Concello secundan esta declaración, que será remitida aos colectivos da cidade co fin de que se sumen á mesma e se poida recabar o máximo apoio posible. Segundo sinalou o rexedor ao remate do encontro "compartimos que se teñan en conta as peculidaridades do territorio galego". O acordo perfilarase ao longo dos días e será aprobado no vindeiro pleno ordinario, o xoves 24 de abril.

Ángel Currás manifestou a súa intención de seguir traballando polo mantemento da demarcación xudicial de Santiago tal e como se atopa ata o de agora e lamentou os prexuízos que podería ter para a cidade o feito de que se modificara, tal e como prevé o Anteproxecto de lei do poder xudicial. Indicou Currás que aínda que desaparezan os partidos xudiciais, débese manter o Tribunal de instancia cunha demarcación que non sexa provincial. "Que Santiago siga mantendo os 14 xulgados", sinalou.

O rexedor continúa así coa rolda de encontros prevista para a defensa da actual situación fronte á que prevé o anteproxecto de lei de planta xudicial. Anteriormente reuniuse cos decanos dos colexios de avogados e procuradores e coa Cámara de Comercio.

Compartir: