CENTROS SOCIOCULTURAIS

A Sala Agustín Magán acollerá máis de trinta actuacións multidisciplinares de abril a xuño

15/04/2014 O concelleiro de Centros Socioculturais, Francisco Noya, presentou a nova programación teatral para os meses de abril, maio e xuño de 2014 na Sala Agustín do CSC de Santa Marta, un espazo cultural onde as artes escénicas, audiovisuais de difusión e formación e manifestacións orais serán as grandes protagonistas.

Con esta iniciativa a Concellería de Centros Socioculturais pretende abarcar unha programación multidisciplinar e enfocada non só á exhibición de contidos teatrais ou audiovisuais, senón tamén á pedagoxía teatral e audiovisual e á creación de novos públicos. Para iso ofrécense coloquios e espazos de encontro e debate en pezas teatrais e no ciclo de cine proposto.

A programación ten un custo de 2 000 euros e conta con trinta e unha accións: dous espectáculos de danza, catro concertos, sete funcións de teatro, un baile do programa Imos ao Baile, 5 proxeccións do ciclo Freaks! Personaxes fóra dos límites, nove accións (visitas, talleres, cursos, encontros) no apartado de difusión/formación e tres manifestacións orais da proposta Falamos?

O concelleiro destacou a estrea da primeira peza levada a cabo por Ditea dende a inauguración da sala do seu fundador, "Animaliños" de Vidal Bolaño, dirixida por Pepe de la Fuente, que se representará durante as Festas da Ascensión, o sábado 31 de maio.

O ciclo de cine "FREAKS! Personaxes fóra dos límites" continúa na liña de formato de proxección e debate e prentende funcionar como antesala da vindeira edición do programa Compostela Cine Classics. Unha proposta que mestura o interese puramente cinematográfico dos filmes ofertados coa perspectiva social da análise de personaxes inadaptadas socialmente por diversas cuestións.

Trátase dunha gran variedade de contidos para distintos tipos de públicos, destacando as propostas para público infantil e familiar.

Por iso, estase a levar un traballo transversal na creación de novos públicos e na formación en contidos de tipo artístico no apartado difusión/formación, coas actividades estables do "Club de Teatro" (adultos) e "TEATREnglish!" (nenos/as),

A mayoría destas accións propostas nesta programación son de entrada libre a gratuíta, algunhas delas (visitas, obradoiro de análise fílmico) precisan inscrición previa.

Documentos relacionados



Compartir: