EDUCACIÓN

Ábrese o prazo para inscribirse no programa de conciliación de verán do Concello

19/06/2013 Este xoves, 20 de xuño, abrirase o prazo de inscrición para o programa de conciliación de verán, que se desenvolverá do 1 ao 31 de xullo e do 1 ao 10 de setembro no CEIP das Fontiñas. Haberá 70 prazas dispoñibles.

Ábrese un prazo de inscrición e matrícula entre o 20 e o 26 de xuño de 2013 (ambos os dous incluídos). Os solicitantes terán que cubrir a folla de matrícula e entregala no Rexistro Xeral do Concello de Santiago (rúa Presidente Salvador Allende, 4) ou nos rexistros auxiliares do Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche (rúa de Frei Rosendo Salvado 14-16); e no CERSIA (avenida Alcalde Raimundo López Pol, s/n). Xunto coa folla de inscrición deberá achegar o xustificante de pagamento na conta bancaria municipal Banesto 0030—6045-13-0870087271. Terán que indicar no momento de facer o ingreso: nome e apelidos do neno/a solicitante; modalidade escollida.

O Departamento de Educación facilitará as correspondente follas de matrícula no programa e publicará a lista de admitidos e, no seu caso excluídos, nesta páxina web, www.santiagodecompostela.gal. As admisións realizaranse por rigoroso orde de entrada no Rexistro municipal, ata cubrir as prazas dispoñibles.

O Concello ofrece tamén un programa de conciliación a través de Centros Socioculturais, e que hai dez entidades da cidade que ofrecen programas de conciliación, algunhas delas en instalacións municipais cedidas para as mesmas.

Comedores

O Concello tamén lembra que está aberto o prazo de preinscrición no servizo de comedores e madrugadores para o curso que vén ata o venres 21 de xuño. Funcionarán en nove centros escolares: Apóstolo Santiago, Ramón Cabanillas, Quiroga Palacios, Roxos, Monte dos Postes, Rodríguez Xixirei, Fontiñas, Vite e Raíña Fabiola. A estes nove centros hai que sumar o CEIP Arquitecto Casas Novoa, que só ofrecerá o servizo de madrugadores. Os servizos de comedor e madrugadores prestaranse os días lectivos do curso escolar 2013-2014, dende o 11 de setembro de 2013 ao 20 de xuño de 2014.

O impreso de solicitude de preinscrición, debidamente cuberto, entregarase no Rexistro Xeral ou nos auxiliares. O modelo oficial pode descargarse nesta páxina web, www.santiagodecompostela.gal, ou solicitalo no Departamento de Educación (Edificio CERSIA, rúa Alcalde Raimundo López Pol, s/n), así como nos centros de ensino obxecto desta convocatoria. O proceso de preinscrición non garante a obtención de praza. Unha vez completado o proceso administrativo, procederase á publicación da lista de admitidos e excluídos na mesma páxina web e no taboleiro de anuncios municipal.

O curso que está a piques de rematar foi o primeiro no que o Concello se fixo cargo da xestión do servizo de comedor nestes nove centros. Un deles, o CEIP Ramón Cabanillas, foi visitado pola concelleira de Educación, María Castelao, quen destacou os bos resultados deste primeiro curso de xestión municipal do servizo, no que se atendeu a arredor de 560 comensais.

A concelleira agarda que este neste segundo curso de funcionamento do servizo se repita o éxito do primeiro e mesmo se incremente o número de participantes. "O Concello dá cumprimento así a unha vella demanda das ANPAS de Compostela e os resultados están aí", indicou María Castelao.

Compartir: