SANIDADE

O cans do Refuxio de Bando peregrinan para promover a adopción

14/06/2013 Por cuarta vez, os cans residentes no Refuxio de Bando, xunto con voluntarios e padriños realizarán a última etapa do Camiño de Santiago, para dirixirse logo ao Parque de Belvís. Alí, como novidade e no marco da Romaría Pop, haberá unha Pasarela de Adopción dos cans participantes e un posto informativo.

Este "Minicamiño" arrincará ás 10:00 horas do Refuxio de Bando, de onde sairán dez cans residentes e outros 12 acompañados polos seus padriños e madriñas. Estes particulares peregrinos chegarán ao Parque de Belvís en torno ás 13:30 horas, segundo explicou a concelleira de Sostibilidade e Sanidade, María Pardo. Calquera que o desexo pode sumarse a esta actividade, expresando así o apoio ao labor que se fai na Fundación e demostrando o interese pola protección animal.

A cuarta edición desta peregrinación rematará coa I Pasarela de Adopción, que se celebrará ás 17:30 horas tamén en Belvís. Os cans que participaron no "Minicamiño" desfilarán para que todos poidan coñecer a súa historia e as súas facultades, e así consigan o seu primeiro premio: un fogar.

Xa dende as 11:30 horas, haberá un posto con información sobre os modos de colaborar co Refuxio. Tamén se vendera material do centro para recadar fondos.

Máis adopcións
Aproveitando a presentación desta iniciativa, a directora técnica da Fundación Refuxio de Animais, Paloma Aguirre, informou dos bos resultados en canto a adopcións nos primeiros meses de 2013, xa que foron a fogares 29 animais máis que no mesmo período de 2012 (274 fronte a 245 animais). Diariamente residen no Refuxio uns 250 animais. María Pardo agradeceu ao Refuxio e aos seus voluntarios o traballo que realizan, situando este centro como un "modelo" a seguir.

Direcciones relacionadas



Compartir: