EDUCACIÓN

Encontro co ilustrador Emilio Urberuaga

03/04/2013 Mañá xoves, 4 de abril, ás 19:00 horas, a Galería Sargadelos acollerá un encontro co ilustrador Emilio Urberuaga, Premio Nacional de Ilustración e membro do xurado do VI Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados.

Galardoado en 2011 co Premio Nacional de Ilustración pola súa traxectoria artística, que comezou na década de 1980, dende entón a súa obra está nas principais fundacións e museos do mundo. Creador da imaxe do célebre personaxe Manolito Gafotas, ilustrou máis de medio cento de libros infantís en varias editoriais, entre elas, Kalandraka, para a que ilustrou As catro estacións e Discurso do oso.

Emilio Urberuaga forma parte do xurado do VI Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados, presidido polo alcalde e integrado tamén como vogais pola escritora María José Ferrada, a profesora Juana Vázquez, Manuela Rodríguez (en representación de Kalandraka Editora) e Xosé Manuel Rodríguez-Abella (en representación da Concellería de Educación). Actúa como secretaria a técnica de Educación Beatriz Varela.

A convocatoria do Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados encádrase na Campaña de Animación á Lectura que o Departamento de Educación do Concello de Santiago de Compostela e Kalandraka Editora organizan anualmente e que, neste 2013, acadará a súa décimo terceira edición. As actividades programadas -sesións de contos e música, obradoiros de ilustración e de escrita creativa, actos nas librarías da cidade, charlas para docentes e familias- chegan a máis de 5.000 escolares da bisbarra compostelá.

Compartir: