EXPOSICIÓN

A camelia, protagonista dunha exposición única no claustro de Fonseca

30/03/2013 Durante os días 29 e 30 de marzo, o Pazo de Fonseca acolle unha exposición sobre a flor emblemática de Galicia: a camelia. O Concello de Santiago colabora coa Sociedade Española da Camelia (SEC) e a USC nesta mostra, organizada por Turgalicia, que se suma aos atractivos que ofrece a cidade nesta Semana Santa. A concelleira de Turismo, Reyes Leis, e a secretaria xeral de Turismo, Nava Castro, visitaron a exposición.

Os visitantes teñen unha ocasión única de gozar dun impresionante espectáculo de beleza e cor difícil de ver noutros lugares de Europa. Están expostas máis de 200 variedades de camelia, pertencentes a 25 coleccións privadas, cultivadas por amantes desta flor, e que só poden contemplarse en ocasións como esta.

Esta segunda edición da exposición Camelia, flor de Galicia tamén serve de marco para a presentación dunha escollida mostra de pezas de artesanía galega, dunha forma orixinal e totalmente integrada cos belos exemplares de flor de camelia que se exhiben no claustro de Fonseca.

Ruta da Camelia
A mostra, de entrada gratuíta, estará aberta ata as 21:00 horas deste sábado 30 de marzo. Ademais, servirá para dar a coñecer a denominada Ruta da Camelia, unha viaxe a unha variedade de xardíns, públicos e privados, que poden ser visitados e que presentan o seu mellor aspecto no momento de floración dos camelios, que ten lugar nos meses de novembro a marzo.

Nas inmediacións de Santiago, destacan os exemplares de Camelia reticulata dos Pazos de Oca e Santa Cruz de Ribadulla, quizais os máis antigos de Europa, con pazos e paisaxes dunha elegante decadencia, auténticos xardíns botánicos creados con esmero e sabedoría, que figuran entre os máis destacables de España.

En Santiago podemos ver camelias en diversos parques e xardíns: as máis espectaculares sitúanse no parque da Alameda, o parque de Belvís, o parque de San Domingos de Bonaval e no xardín da Praza de Fonseca. Tamén destacan as camelias do Parlamento de Galicia, as do Pazo de San Lourenzo de Trasouto, as do Campus Universitario Sur, as da Rúa da Trinidade ou as do Hostal dos Reis Católicos.

A Alameda conta con magníficos exemplares de camelias, entre os que poden atoparse representacións de diversas variedades: Camellia japónica, Camellia sinensis, Camellia reticulata e Camellia sasanqua. Pola súa banda, o Parque de Belvís conta cos chamados "Labirintos de Camelias", tres espazos sumamente singulares e case únicos, xa que a especie non adoita empregarse para este tipo de formacións xeométricas.

Finalmente, no parque de San Domingos de Bonaval, na zona que antigamente ocupaba a horta onde os monxes cultivaban diversas especies aromáticas, poden admirarse tamén fermosos exemplares de Camellia japónica. Merecen mención igualmente as camelias situadas no xardín da Praza de Fonseca, en pleno corazón do Casco Histórico e a moi poucos metros da praza do Obradoiro.

Compartir: