MULLER

Unha carapucha solidaria reivindicará a igualdade na Procesión dos Estudantes

26/03/2013 A concelleira de Muller e Igualdade, María Castelao, presentou a iniciativa Capirote solidario pola igualdade, promovida pola Irmandade de Estudantes. Baixo o lema "Se sentes a paixón, defende a igualdade", esta confraría quere reivindicar a igualdade entre homes e mulleres nun ámbito precisamente ligado tradicionalmente aos homes. A Procesión dos Estudantes, na que desfilará en lugar preferente esta carapucha solidario, sairá este mércores santo, ás 23:00 horas, do colexio das Orfas.

María Castelao expresou a satisfacción do Concello por colaborar coas iniciativas que a Irmandade de Estudantes está a realizar nesta Semana Santa, nas que "se vincula a posta en valor desta celebración en Santiago co aspecto solidario". Ademais, segundo dixo, nesta actividade concreta vincúlase con algo tan necesario como a reivindicación da igualdade entre homes e mulleres.

Acompañou á edil a secretaria da Irmandade de Estudantes, Laura Brenlla, que enmarcou esta actividade no Ano Estudante pola Igualdade, decretado pola confraría neste 2013. A Irmandade predica co exemplo, acollendo igual número de homes e de mulleres, cando as confrarías de Semana Santa son agrupacións tradicionalmente máis vinculadas aos homes. Fronte á existencia aínda de confrarías que impiden a participación de mulleres, a dos Estudantes é unha confraría "moderna, nova e paritaria", apuntou Brenlla. Esta estivo acompañada na rolda de prensa por outra integrante da xunta directiva da confraría, Sara Piñeiro.

Paixón Escolar e Social
Este Capirote solidario pola igualdade é a terceira das actividades cun carácter social realizada pola Irmandade de Estudantes durante a Semana Santa, agrupadas no programa Paixón Escolar e Social 2013. Nas dúas primeiras, as denominadas Pinta o noso Ecce Homo e Percusionatta, doouse unha cea para a Cociña Económica por cada participante. En total, recadáronse 1.196 ceas, cumprindo así co obxectivo que tiña a Irmandade de Estudantes de sufragar as ceas previstas para esta Semana Santa na devandita institución benéfica.

Os actos continuarán coa Paixón Solidaria 2013, un evento para todo tipo de público que se desenvolverá o sábado 23, ás 20:00 horas, no Teatro Principal, coa estrea do filme Al otro lado, de Mara Gutiérrez.

Compartir: