ALCALDÍA

A Xunta atende as alegacións do Concello de Santiago e aproba o trazado definitivo da Variante de Aradas

12/03/2013 O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, avanzou que o venres 15 se publicará no Diario Oficial de Galicia a aprobación do proxecto de trazado definitivo da Variante de Aradas, así como o expediente de información pública desta actuación. Hernández fixo este anuncio durante a visita ás obras de mellora que se están a executar na estrada AC-543 Roxos- Portomouro, na que tamén participou o alcalde compostelán, Ángel Currás.

O conselleiro destacou que o Concello de Santiago fixo varias alegacións á variante, que foron atendidas ao ser consideradas viables, entre as que destacan: dar un tratamento máis urbano á rotonda oeste, reducindo o número de carrís para minimizar a ocupación e permitindo a colocación de beirarrúas para facilitar o tránsito peonil na zona. Sinalou que a Administración local tamén propuxo a ampliación da sección prevista nun paso inferior baixo o vieiro ata os 12 metros, para non hipotecar posibles ampliacións futuras, e eliminar a conexión da estrada de Vilares cara a Vía Marconi prevista no proxecto, así como conectar o camiño actual cun vieiro existente.

Argumentou que as variantes de poboación melloran a seguridade viaria dos cidadáns, ao evitar o paso polos cascos urbanos dos vehículos. Son actuacións que teñen e terán especial incidencia na redución de accidentes, xa que hai que ter en conta que as porcentaxes máis altas de vítimas se producen en travesías ou zonas urbanas. A Xunta traballa x ana redacción do proxecto construtivo da Variante.

Mellora Roxos-Portomouro
O alcalde acompañou ao conselleiro na visita ás obras de mellora do pavimento e da sinalización da estrada AC-453 (Roxos-Portomouro), que a Axencia Galega de Infraestruturas comezou no mes de febreiro. A actuación de mellora da seguridade viaria suporá un investimento de 700.000 euros e ten un prazo de execución de seis meses.

O proxecto consiste nunha recuperación estrutural e superficial do firme, ademais dunha serie de intervencións de mellora de seguridade viaria: colocación de gabias remontables, substitución de barreiras de seguridade, disposicións de paneis direccionais, colocación dunha axeitada sinalización horizontal e vertical, mantendo sempre o trazado en planta e o alzado da estrada existente.

En total actuarase sobre unha lonxitude de case 12 km e beneficiará a preto de 130.000 habitantes dos concellos de Santiago, Ames e Val do Dubra.

Compartir: