ALCALDÍA

Ángel Currás destaca a "audaz interpretación e ordenación" do espazo de San Clemente

08/11/2012 O estudio de arquitectura compostelá Abalo Alonso Arquitectos presentou na sede do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) a publicación Reurbanización do espazo público de San Clemente en Santiago de Compostela. A cita contou coa presenza do alcalde compostelán, Ángel Currás; do decano do COAG, Jorge Duarte; e dos arquitectos Elizabeth Abalo e Gonzalo Alonso.

Na súa intervención no acto, o alcalde indicou que os arquitectos realizaron "unha audaz interpretación e ordenación do lugar, recuperándoo para o peón e xerando novos espazos ou espazos-estancia". Sobre estes espazos, apuntou que algúns "son de especial interese, como son as áreas definidas pola fonte, os bancos, as gradas e as propias escaleiras, elemento este recorrente no Casco Histórico e que con acerto foron incorporadas á intervención".

Ángel Currás definiu a actuación como "complexa", o cal esixiu "unha profunda e constante reflexión para xerar sen estridencias unha nova imaxe urbana nun espazo que se sitúa apenas a un centenar de metros da Catedral e do Obradoiro". Finalmente, referiuse á aparición da fonte medieval, afirmando o éxito da súa rehabilitación e da súa "plena integración ao espazo público tanto formal como funcionalmente".

Este libro, composto por 140 páxinas, recolle a través dunha lectura sinxela o xurdimento do proceso de proxecto e obra, aclarando a orixe de ideas de construción tan controvertidas e aclamadas pola cidadanía como a varanda ou os bancos da praza. A publicación está formada por textos, fotografías e planos actuais e dos séculos XVIII e XIX.

Contén un prólogo escrito polo arquitecto Manuel Gallego Jorreto, onde destaca a "intelixente interpretación do lugar" realizada por Gonzalo Alonso e Elizabeth Abalo, que reflexionan no proxecto sobre os cambios que o espazo sufriu ao longo da súa historia. Ademais, o premio nacional de arquitectura destaca a sensibilidade coa que esta parella de arquitectos constrúe unha nova imaxe urbana dotada dun uso máis rico e complexo destinado aos cidadáns. "A resposta que deu a cidade á proposta, aceptando os espazos de forma natural como se sempre estiveran alí, esquecéndose dos seus límites e enchéndoos de actividade e vida é o mellor eloxio que se pode facer do proxecto", di Gallego Jorreto.

O proceso da creación
A praza de San Clemente, situada en pleno casco antigo de Santiago de Compostela e á beira da Catedral, caracterizouse nos últimos anos por ser un lugar de paso de dobre dirección para os vehículos, con áreas de aparcadoiro e zonas de carga e descarga. Para borrar esta imaxe caótica, o Concello de Santiago encarga a este estudio compostelán unha análise da contorna para a súa posta en valor.

Segundo Abalo e Alonso, a actuación fundamental foi "tensionar a futura praza", reducindo o espazo da rampla a un só carril auxiliar de tráfico para aumentar o espazo da estancia. "A redución do tráfico, unida á imposibilidade de aparcar, inverteu os termos. Agora o peón é o que controla o espazo público. Procedeuse a unha renovación exhaustiva de todo tipo de infraestruturas eléctricas, abastecemento, saneamento, gas, telefonía e incorporáronse os restos arqueolóxicos descubertos durante as obras", indican os arquitectos.

Compartir: