NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

O Premio Manuel Beiras recoñece un ano máis o esforzo normalizador de empresas da cidade no uso da lingua galega

06/11/2012 A concelleira de Normalización Lingüística, Rebeca Domínguez, e o vicepresidente da Cámara de Comercio, Evaristo Rodríguez Carracedo, presentaron a XIII Edición do Premio Manuel Beiras. O certame, organizado nesta ocasión polo Concello, recoñece o esforzo que realizan as empresas do municipio no proceso de normalización do uso da lingua galega.

Calquera empresa ou comercio que estea radicado no noso municipio pode optar ao premio. Poden propoñelo os seus representantes ou propietarios ou tamén pode suxerilo calquera persoa ou entidade que o considere merecente deste galardón.

Para formular as propostas de candidatura chega con comunicalo ao Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago (dlg@santiagodecompostela.gal / 981 542 409) ou ao Departamento de Comunicación da Cámara de Comercio (981 596 800) antes do 30 de novembro.

As bases do premio diferencian dúas categorías: empresas que veñen utilizando o galego de maneira continuada e empresas que galeguizaron recentemente a súa comunicación (porque son de nova creación ou porque mudaron os seus usos hai pouco tempo). O xurado tamén pode outorgar unha distinción especial a unha persoa ou entidade que contribuíra significativamente á normalización lingüística no ámbito empresarial.

Escultura de Acisclo Manzano
A distinción consiste nunha escultura creada por Acisclo Manzano que se lles entregará ás empresas galardoadas nun acto que se celebrará no Concello o vindeiro 14 de decembro.

As empresas e comercios premiados poderán amosar nos seus establecementos a posesión deste galardón como unha garantía máis de que respectan o idioma da comunidade.

Durante os primeiros días de decembro celebraranse as reunións do xurado, composto por representantes das empresas distinguidas en 2011, un representante do Concello, a Cámara de Comercio, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a USC, unha asociación en defensa da lingua e do Colexio Oficial de Xornalistas.

Manuel Beiras
O nome do Premio Manuel Beiras é unha homenaxe a este galeguista polo seu apoio á lingua, ademais de pola súa actividade como comerciante compostelán. Recibiu a Medalla de Ouro da cidade pola súa contribución cultural, un exemplo de compromiso colectivo dende o sector socieconómico.

Compartir: