INFRAESTRUTURAS

En marcha os proxectos de mellora da mobilidade e da accesibilidade na Almáciga

21/09/2012 A concelleira de Infraestruturas, María Castelao, deu conta dos proxectos que, no marco do Urbana Santiago Norte, permitirán mellorar as condicións de accesibilidade e de mobilidade do barrio da Almáciga. Realizaranse actuacións en varios ámbitos, cun investimento total previsto que supera o millón e medio de euros. Está previsto que as diversas obras se poidan adxudicar no primeiro semestre de 2013.

Tras manter unha reunión cos arquitectos adxudicatarios da redacción dos proxectos que afectan a este ámbito da Almáciga, María Castelao indicou que as diferentes actuacións buscan a supresión das barreiras arquitectónicas e a mellora da mobilidade no barrio, recuperando os valores ambientais da zona e os seus usos públicos. Neste sentido, lembrou que o actual Goberno municipal, abandonara o proxecto dun ascensor para dedicar o seu orzamento a unha actuación máis integral, de acordo tamén coas demandas dos propios veciños.

Así, un dos proxectos máis adiantado, que xa conta cun estudo previo, é o dun corredor verde que unirá o parque de Bonaval co parque da Almáciga. Neste caso logrouse ampliar o ámbito de actuación, sumando á parte traseira do Colexio Santiago Apóstolo a dianteira. Melloraranse as condicións paisaxísticas e tamén as conexións peonias entre esta zona e a da estación de autobuses e edificios administrativos da Xunta. O orzamento previsto é de 255.000 euros.

Caramoniña e Escultor Asorey
Outra das actuacións será a reurbanización da rúa da Caramoniña, comprendida entre as rúas Valle-Inclán e Escultor Asorey. Neste caso tamén se ampliou o ámbito de intervención e aproveitarase unha parcela lindeira para crear unha zona verde de esparexemento en paralelo á rúa. Investiranse 362.000 euros.

Na rúa do Escultor Asorey vaise intervir para mellorar as condicións de accesibilidade, traballando para paliar na medida do posible os grandes desniveis (con pendentes de máis dun 18% nalgún tramo). Cóntase cun orzamento máximo de 240.000 euros.

Actuación integral en Basquiños
Finalmente, están previstas dúas actuacións na zona dos Basquiños. A primeira delas afectará ao tramo entre a rúa da Pastoriza e a rúa de Teo. Os traballos para mitigar as pendentes permitirán que o transporte público poida acceder a esta parte da cidade. Asegurarase un tratamento axeitado no entorno da igrexa da Pastoriza. O custo desta intervención será de 342.000 euros.

O segundo tramo é o comprendido entre Basquiños e a rúa Santa Clara. Explicou a concelleira que, nesta zona, o deterioro e antigüidade das redes de abastecemento e saneamento obrigarán a unha renovación de todos os servizos. Así, tívose que reducir o ámbito de actuación para poder facer unha actuación máis profunda. Nestas obras estímase un orzamento de 356.000 euros.

Tras dar conta da reunión mantida cos arquitectos redactores dos proxectos, insistiu en que estes, ao igual que o seu Departamento, terán en conta as suxestións que realicen os veciños do barrio. Xa se mantiveron reunións con eles e, a medida que se vaian elaborando os proxectos, iránselle presentando. Ademais, anunciou que o Concello ten previsto executar algunha outra actuación na Almáciga que completen as xa iniciadas.

Estas actuacións forman parte do Programa Urbana Santiago Norte, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Compartir: