EDUCACIÓN

Cento vinte alumnos de cinco institutos españois estudan Compostela dende unha vertente matemática

18/06/2012 O alcalde compostelán, Ángel Currás, e a concelleira de Educación, Rebeca Domínguez, recibiron 120 alumnos e alumnas de cinco institutos de Sevilla, Tenerife, Córdoba, Olot (Girona) e Berga (Barcelona). Participan no proxecto Con mirada matemática, no marco do programa ARCE, convocado polo Ministerio de Educación, Política Social e Deportes.

Os alumnos e alumnas dos IES Bajo Guadalquivir (Sevilla), IES Realejos (Santa Cruz de Tenerife, IES Blas Infante (Córdoba), INS Montsacopa (Olot-Girona) e INS Serra de Noet (Berga- Barcelona) estiveron en Raxoi como parte do calendario de actividades previsto en Barcelona e Santiago dentro do proxecto Con mirada matemática. Esta iniciativa de cooperación entre centros educativos dura dous cursos e ten como obxectivo desenvolver as competencias básicas na área de matemáticas.

A observación é unha parte importante do proxecto, tendo en conta que as matemáticas constrúen cidades e que todo o que nos rodea ten unha compoñente matemática. Trátase de seleccionar lugares e obxectos das cidades, identificando e abstraendo deles a súa base matemática.

O encontro entre os cinco institutos participantes pon fin ao proxecto. Tras visitar Barcelona, os escolares están en Compostela dende o domingo 17 e permanecerá na cidade ata o mércores 20 de xuño. Aquí participarán en xincanas, paseos e contos matemáticos e realizarán diversas visitas culturais.

Compartir: