EMPREGO

A Axencia Local de Colocación facilitará a través da súa nova web a captación de candidaturas para ofertas de emprego

05/06/2012 A concelleira de Famlia, Benestar Social, Muller e Emprego, Paula Prado, presentou a páxina web da Axencia Local de Colocación. Esta nova ferramenta fará máis accesible aos cidadáns a inclusión dos seus currículos na bolsa de emprego e o acceso á información sobre as ofertas laborais dispoñibles.

A través da páxina web (axencialocaldecolocacion.santiagodecompostela.gal), accesible tamén dende un enlace específico nesta web, os demandantes de emprego poderán deixar o seu currículo e pasar así a formar parte da bolsa de recrutamento, indicou a concelleira. En calquera caso, será a empresa ofertante a que realice a selección final.

A Axencia Local de Colocación realiza labores de intermediación laboral. A partir dos perfís solicitados polas empresas, a Axencia busca candidatos de acordo a ese perfil, contacta cos potenciais candidatos, analiza as candidaturas, entrega as axeitadas á empresa e fai o seguimento do proceso de selección.

Paula Prado destacou as vantaxes que neste labor de intermediación ofrece a ALC ás empresas, polo tratamento personalizado das candidaturas, pola súa bolsa de emprego e pola oferta das súas aulas no CERSIA para procesos de selección e cursos.

Centro Comercial As Cancelas
Á vista da próxima apertura do Centro Comercial As Cancelas e do interese polas súas posibles ofertas de emprego, a páxina inclúe un enlace específico destinado a estas ofertas. Neste sentido, a concelleira indicou que se está ultimando un convenio coa promotora, co obxecto de que o Concello poida entrar en contacto con empresas do centro comercial que queiran facer a selección de persoal a través da ALC. Anunciou que xa hai conversas con algunha empresa interesada e reiterou o seu desexo de que "os postos de traballo deste centro comercial queden en Santiago".

Evolución do paro
Paula Prado aproveitou a rolda de prensa para referirse ás cifras de desemprego do mes de maio, que deixan unha redución en Santiago do 2,14%, pasando de 9.467 a 9.264 persoas sen traballo. Valorou a cifra con prudencia e agarda que coa chegada do verán (creación de postos de traballo no sector servizos ligados ao turismo) e coa propia apertura do centro comercial poidan mellorar estas cifras.

Compartir: