RECOLLIDA DE LIXO

O Concello imporá sancións de ata 3.000 euros por vertidos nas inmediacións do vertedoiro clausurado de Aríns

14/05/2012 O concelleiro de Recollida do Lixo e Limpeza Viaria, Juan de la Fuente, informou sobre os traballos de limpeza e vixilancia que se están a realizar nas inmediacións do clausurado vertedoiro de Aríns. Segundo indicou, Urbaser concluirá os labores de limpeza a mediados desta semana, e a Policía Local vixía que non se produzan máis depósitos de lixo.

"Non se pode permitir esta situación e non imos consentir ningún acto incívico máis", apuntou o concelleiro a propósito destes vertidos nas inmediacións do vertedoiro de Aríns, xa clausurado dende hai meses. Por iso, indicou que "a Policía Local ten orde de vixiar día e noite" e anunciou que "se vai pasar das advertencias ás sancións". Neste sentido, recordou que estas serán as máximas, que oscilan entre os 600 e os 3.000 euros.

En canto aos labores de limpeza, estanse encargando dos mesmos dúas brigadas de Urbaser, coa previsión de que rematen os traballos durante esta semana. Indicou que "está sendo un traballo moi laborioso, xa que se están separando os vertidos de diverso tipo alí existentes".

Cara o futuro, Juan de la Fuente afirmou que se están a manter negociacións con Urbaser, coa Consellería de Medio Ambiente e co Goberno central co fin de acometer o selado definitivo do vertedoiro de Aríns. O edil cifrou o custo desta actuación entre dous ou tres millóns de euros.

Compartir: