Concello de Santiago de Compostela

Saltar a contidos
Utilidades (Saltar):

Idiomas (Saltar):



Portada » Noticias » Noticias
PLENO

O Concello solicitará un crédito de 12,7 millóns de euros para afrontar os pagos pendentes a provedores

Vista xeral da sesión do Pleno.
Ampliar Vista xeral da sesión do Pleno.


Rebeca Domínguez recibe a insignia como nova concelleira do alcalde, Ángel Currás.
Ampliar Rebeca Domínguez recibe a insignia como nova concelleira do alcalde, Ángel Currás.


Imposición da medalla.
Ampliar Imposición da medalla.


11/05/2012 O Pleno da Corporación aprobou nunha sesión extraordinaria a operación de endebedamento, mediante un crédito ICO, para facer fronte ao pago aos provedores con facturas pendentes a 31 de decembro de 2011, segundo o mecanismo establecido polo Ministerio de Facenda e Administracións Públicas. O Concello de Santiago solicitará un crédito por un importe de 12,7 millóns de euros.

A concelleira de Facenda, Cecilia Sierra, explicou que a cifra de 12,7 millóns de euros servirá para facer fronte ás certificacións globais, por algo menos de 11,8 millóns de euros, e ás individuais presentadas por provedores, por algo mais de 0,9 millóns de euros. Non obstante, recordou que ata o 24 de xuño aínda poden presentar certificacións individuais os provedores.

Ata o 15 de maio existía de prazo para que o Pleno da Corporación ratificara aprobara esta operación de crédito. Fíxose incluso antes, segundo a concelleira, por un principio de "prudencia", para evitar calquera posible problema na transmisión telemática de datos ao Ministerio. Entre o 16 e o 25 deberá formalizarse a operación de crédito ICO cunha entidade bancaria, a un interese variable que aínda se descoñece. O Concello disporá de dez anos para amortizar este préstamo, con dous de carencia, polo que probablemente o Concello comece a amortizalo a partir de 2014, pagando nos dous exercicios precedentes unicamente os intereses.

Cecilia Sierra insistiu en que esta liña ICO era a única operación posible para afrontar un pago a provedores ao que obrigaba o Ministerio. Neste sentido, indicou que non era viable unha operación de tesourería baseada noutro tipo de crédito, xa que este debería ser devolto a 31 de decembro de 2012.

A concelleira explicou que o Concello chegou á necesidade de solicitar esta liña ICO por un unha situación de "arrastre". Así, argumentou que a "mala situación financeira" atopada se derivaba duns exercicios anteriores con "orzamentos de ingresos inflados, remanentes negativos de tesourería sucesivos, períodos de pago e cobro pendentes moi prolongados no tempo, descoordinación entre a xestión económica e a tesourería, redución dos ratios de solvencia e problemas na recadación de impostos".

Lembrou que no intre da toma de posesión do novo Goberno local había facturas pendentes de pago por 24 millóns de euros e uns fondos líquidos de 4 millóns de euros, cantidade que "non chegaba nin para pagar dúas nóminas". Nese momento, engadiu, "o período medio de pago a grandes provedores era de 10 a 11 meses, e a pequenos de 6 a 7 meses". "Ata o 31 de decembro realizamos pagos por 24,5 millóns de euros, ou sexa, que neste tempo nos tivemos que dedicar a pagar as facturas pendentes", indicou.

Toma de posesión de Rebeca Domínguez tomou
A que será concelleira de Educación e Normalización Lingüística, Rebeca Domínguez, tomou posesión como edil no transcurso desta sesión extraordinaria do Pleno municipal. Incluída como número 14 nas listas do Partido Popular nas pasadas eleccións, asume a acta vacante tras a dimisión de Xerardo Conde Roa.

Licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, Rebeca Domínguez Iglesias é veciña do Ensanche. Nacida en 1983, na actualidade prepara oposicións á Administración Autonómica. É membro de Novas Xeracións do Partido Popular de Santiago.
Documentos relacionados

Voltar


Enviar | Imprimir | Arriba

© 2005, Concello de Santiago. Pazo de Raxoi. Praza do Obradoiro. Tel.: 981 542 300 (Centraliña) 981 542 357 (Alcaldía). Aviso legal