BENESTAR SOCIAL

A UMAD promove tres novas accións do Plan de Prevención de Drogodependencias dirixidas a mozos, pais e Policía Local

03/05/2012 A concelleira de Familia, Benestar Social, Muller e Emprego, Paula Prado, presentou tres novas actividades do Plan de Prevención Municipal de Drogodependencias 2011-2012, que levará a cabo a Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes (UMAD). Trátase de tres propostas dirixidas, respectivamente, á Policía Local, aos mozos e aos pais.

A primeira das accións ten caracter formativo e está dirixida á Policía Local. Denomínase Intervención policial fronte ao consumo de bebidas alcohólicas en espazos públicos e pretende ofrecer a estes profesionais os coñecementos e capacidades necesarios para unha correcta intervención nos casos de consumo de bebidas alcohólicas en espazos públicos.

Abordaranse cuestións como o fenómeno do "botellón", a normativa aplicable e réxime de infraccións e sancións, as competencias das diferentes Administracións Públicas, a intervención policial ante o consumo de bebidas alcohólicas en espectáculos e espazos públicos ou o papel preventivo da Policía Local.

Dentro do eixe do Plan dirixido aos menores e a xuventude unha das liñas de actuación é o apoio a actividades de lecer saudables. No marco destas ponse en marcha o programa Alternativa Activa, que promove actividades de ocio e tempo libre dirixidas aos mozos en xornadas non lectivas. Estas accións están financiadas cunha subvención do Ministerio de Sanidade, duns 30.000 euros, procedentes de bens decomisados por tráfico de drogas ou outros delitos relacionados.

+ que fútbol
Estas actividades xa foron realizadas noutros momentos cun significativo éxito. De aí que aí que se retomen ante a demanda das mesmas por parte da mocidade compostelá. O horario no que se desenvolverán é o dos venres pola tarde e os sábados polas mañás.

Unha das actividades deste programa é a denominada + que fútbol. O seu obxectivo é que aqueles mozos que, sen desexar unha actividade regrada, desexan xogar ao fútbol, poidan facelo. Formaranse equipos informais, estableceranse uns calendarios de liga e realizarase unha merenda ao rematar. Ademais, faranse entrevistas e editarase un boletín de liga, un vídeo e un cómic.

Cultura urbana
Outra das propostas é a denominada Cultura Urbana. Grazas a esta, os mozos poderán participar en obradoiros das modalidades máis demandadas deste tipo de cultura, baixo o lema "aprender, crear, imaxinar e expresar". De carácter fixo será a escola de breakdance, por ser a actividade máis demandada. Os obradoiros levaranse á praza da Constitución e, de chover, á Casa das Asociacións de Cornes.

Apoio educativo e competencias lingüísticas
Alternativa Activa tamén inclúe un programa de apoio educativo, posibilitando asistir a un aula de estudio dirixida e participar en cursos monográficos de inglés. Esta é unha opción que escolleron moitos dos mozos sancionados por consumo de alcohol na vía pública, que realizarán aquí as súas 25 horas de traballo en prol da comunidade, mellorando ao mesmo tempo as súas competencias cara a inminente selectividade.

Todo o calendario de actividades de Alternativa Activa está recollido nunha publicación despregable que será repartida en centros educativos e centros socioculturais. Ademais, a iniciativa conta cunha páxina en Facebook

Escola de pais e nais
A última das actividades presentadas vai dirixida aos pais e nais. Así, ao longo deste curso escolar realizáronse catro talleres dirixidos a pais e nais de diferentes centros escolares de Santiago: Compañía de María, Pío XII, IES Rosalía e IES Antonio Fraguas. Traballáronse temas como a comunicación na familia, os límites e as normas ou os cambios de la adolescencia. Participación preto de 100 pais e nais.

Como peche destas actividades, o mércores 9 de maio, ás 17:00 horas, realizaranse un Teatro Foro no CEIP Ramón Cabanillas. Participarán os membros da ANPA do devandito centro e todos os pais e nais están convidados a asistir.

Co formato do teatro como modo de traballo facilitador da aprendizaxe e cunha intención preventiva, trataranse escenas da vida cotiá das familias, abordándoas con diferentes estilos educativos e contando coa participación de los espectadores. Construiranse así alternativas ás situacións de dificultade que se formulan.

Documentos relacionados



Compartir: