XUNTA DE GOBERNO

O Concello incrementará as axudas para a creación de novas empresas

30/04/2012 A Xunta de Goberno adxudicou a concesión para a colocación de postos durante as festas da Ascensión e do Apóstolo, e abriu o prego de cláusulas para a contratación da organización da tradicional Festa dos Maiores. Ademais e a propósito da convocatoria de axudas para a creación de novas empresas, anunciouse o incremento destas achegas en 2012.

A concelleira María Castelao deu conta dos asuntos tratados na Xunta de Goberno, entre os que figuraba o rexeitamento das reclamacións de varios solicitantes que participaran na convocatoria da axudas á creación de novas empresas Compostela Activa 2011.

Seguindo con este programa, a edil anunciou que a partida destinada a estas axudas pasará de 60.000 a 80.000 euros no exercicio 2012. Ademais, indicou que o Goberno vai controlar que estas subvencións se concedan a proxectos empresariais "viables".

Festas
En materia de Festas, adxudicouse a concesión de bens de uso público na Alameda para a colocación de postos durante as festas da Alameda e do Apóstolo, por un importe anual de 141.469 euros. A adxudicación prodúcese para os exercicios 2012 e 2013, sendo prorrogable a concesión por outro ano máis.

Tamén a propósito das festas, neste caso da Ascensión, iniciouse o expediente para contratar a organización da Festa dos Maiores, que se celebrará o 19 de maio, cun gasto máximo previsto de 43.200 euros. O control de asistencia efectuarase a través da venda de entradas, cun prezo simbólico de 5 euros, labor que correrá a cargo do Concello. Prodúcese un aforro de 6.000 euros respecto a edición de 2011.

Centros Socioculturais
Outro dos acordos do Goberno local foi a prórroga do contrato de alugueiro do local da Barciela destinado a Centro Sociocultural por un importe de 4.839 euros para o que queda 2012 e de 1.613 para 2013 (xaneiro, febreiro e marzo). Apuntou María Castelao que se negociou o mantemento do prezo anterior e que, neste caso, non foi posible a substitución do local alugado por outro de titularidade municipal, por non existir ningún preto que puidera cumplir con esta función.

Nomeamentos
A Xunta de Goberno aprobou o nomeamento de Mar Hinojosa Izquierdo como directora de Área de Mobilidade e Seguridade Cidadá. Tamén se aprobou, a proposta da Alcaldía, nomear a Carmen Gómez Otero como directora de Área de Facenda, Contratación e Control de Gasto.

Carmen Gómez Otero é licenciada en Dereito pola Universidade da Coruña. É funcionaria do Corpo Superior de Secretarios e Interventores da Administración Local con habilitación de carácter nacional. Desenvolveu o cargo de interventora nos concellos de Ribadavia, Melide e Vilagarcía de Arousa.

Medición de ruídos
Durante a rolda de prensa compareceu tamén o concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Albino Vázquez, quen se referiu á medición de ruídos que realizarán uns 30 axentes da Policía Local. "Non se trata da creación dunha nova unidade, senón da formación de 30 axentes para que poidan manexar os sonómetros e realizar os protocolos propios destas medicións de ruídos".

Documentos relacionados



Compartir: