Concello de Santiago de Compostela

Saltar a contidos
Utilidades (Saltar):

Idiomas (Saltar):



Portada » Noticias » Noticias
Compartir:
COMERCIO

O Concello edita un roteiro para a dinamización do barrio de San Pedro

O convento de Bonaval é un dos monumentos incluídos no roteiro.
Ampliar O convento de Bonaval é un dos monumentos incluídos no roteiro.


27/04/2012 A concelleira de Economía, Comercio, Turismo e Mercados, Reyes Leis, presentou en Raxoi o roteiro A monumentalidade do cotiá, unha guía deseñada para a dinamización comercial, cultural e turística do barrio de San Pedro. A concelleira estivo acompañada pola presidenta da Asociación de Veciños A Xuntanza, Mercedes Vázquez, que colaborou na edición da publicación.

O roteiro presenta os principais atractivos do barrio de San Pedro, un dos máis tradicionais da cidade, que dende hai séculos é a porta de entrada dos peregrinos do Camiño Francés na Cidade Histórica. Nace con dous obxectivos complementarios: por unha banda, pretende que os propios composteláns poidan coñecer aínda mellor este barrio da cidade, así como reforzar os vínculos dos propios veciños co barrio no que habita e especialmente co seu propio comercio e, por outra, pretende atraer un maior número de turistas a esta zona histórica da cidade.

Neste dobre obxectivo incidiu a presidenta de A Xuntanza, quen apuntou que o roteiro aposta por "fortalecer o tecido económico do barrio" e pola "posta en valor do noso patrimonio histórico". A concelleira agradeceu o "esforzo importante" dos comerciantes do barrio neste proxecto e aproveitou para expresar a intención municipal de mellorar a imaxe da rúa de San Pedro, porta de entrada na cidade como parte final do Camiño Francés.

O roteiro conta con versións en galego, castelán e inglés. Editáronse 5.000 exemplares en cada idioma, que se distribuirán na oficina de información turística de Incolsa, nos centros socioculturais, nos comercios bares e restaurantes do barrio de San Pedro, en hoteis da cidade, en bibliotecas...

Esta acción de dinamización do barrio de San Pedro enmárcase no programa europeo Urbana Santiago Norte. Súmase ao ciclo formativo para o sector comercial do barrio que se desenvolveu entre a segunda quincena de outubro e novembro de 2011. Constou de nove talleres prácticos, un seminario sobre coaching comercial e unha conferencia final con destacados empresarios e directivos da cidade.

O programa Urbana Santiago Norte, cofinanciado pola Unión Europea con cargo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), ten como unha das súas liñas de actuación a recuperación dos eixes comerciais, concretamente do corredor de Concheiros e arredores, arteria comercial, xunto coa rúa de San Pedro, do barrio.

Voltar


A miña compostela

Pon esta web máis cómoda, máis rápida, máis ao teu xeito.

Axenda


Enviar | Imprimir | Arriba

© 2005, Concello de Santiago. Pazo de Raxoi. Praza do Obradoiro. Tel.: 981 542 300 (Centraliña) 981 542 357 (Alcaldía). Aviso legal