Ayuntamiento de Santiago de Compostela

Saltar a los contenidos
Utilidades (Saltar):

Idiomas (Saltar):



Portada » Noticias » Noticias
FACENDA E URBANISMO

O plan de axuste 2012-22 inclúe a absorción municipal de Emuvissa, que permitirá o aforro duns 13 millóns de euros neste período

Unha sesión do Pleno municipal.
Ampliar Unha sesión do Pleno municipal.


30/03/2012 O Pleno municipal aprobou nunha sesión extraordinaria o plan de axuste 2012-2022 que o Concello remitirá ao Ministerio de Facenda e a Administracións Públicas. O obxecto deste programa, segundo explicou a concelleira de Facenda, Cecilia Sierra, é "acomodar orzamentariamente a débeda de 15 millóns de euros que o Concello asumirá nos vindeiros dez anos para facer fronte aos pagos pendentes a provedores". Este Plan inclúe como medida máis destacada a absorción polo Concello da Empresa Municipal de Vivenda e Solo, o que se traducirá nun aforro de máis de preto de 13 millóns de euros nese período.

"Hoxe é unha empresa baleira de contido, obxectivos e funcións", indicou a concelleira de Urbanismo, María Pardo, a propósito da disolución de Emuvissa, malia que "se fixeron grandes esforzos por reflotala", referíndose ás reunións mantidas con acredores, entidades de crédito e posibles compradores para os solos actualmente en concurso. Pero á vista da imposibilidade, dixo, producirase a absorción da empresa por parte do Concello, cun dobre obxectivo: un importante aforro económico e a asunción das obrigas contraídas.

Respecto a este aforro, cifrouno en 4 millóns de euros en dez anos o derivado do gastos de persoal e de gasto corrente. Neste sentido e respecto ao persoal de Emuvissa, integraranse na estrutura municipal un arquitecto, un contable, un auxiliar e un delineante. Outro traballador, funcionario do Estado, reincorporarase ao seu posto e dous máis perderán o seu emprego. Os gastos xerais da entidade previstos para 2012 eran de 574.073 euros, e iso malia que se conseguira reducir nun 32% estes gastos respecto a 2011.

Outro aforro, que a concelleira cifrou en 7 millóns de euros, derívase da asunción das obrigas contraídas pola Empresa para a reurbanización do SUNP-11 do Castiñeiriño. Esta obra de urbanización terá un custo para o Concello de 2,3 millóns de euros, pero de non asumila, as compensacións a satisfacer serían dos devanditos 7 millóns de euros. Finalmente, aforraranse as cantidades destinadas aos pagos pendentes a provedores, cifrada en 1,8 millóns de euros a 31 de decembro de 2011, que serán sufragados mediante unha liña ICO.

María Pardo resumiu a situación financeira de Emuvissa que conduciu á esta decisión final de disolución, xa que "por si soa non pode funcionar e, de entrar nun concurso de acredores, sería o Concello quen o tivese que asumir". O déficit de tesourería cuantificouno en preto de 1,1 millóns de euros. Ademais, de terse procedido á execución dos solos industriais 37.3 e 38, as obrigas a curto prazo teríanse situado en máis de 16 millóns de euros.

Plan de axuste
A absorción de Emuvissa supón unha das principais medidas fixadas no plan de axuste 2012-2022 (aprobado no Pleno cos votos favorables do grupo de Goberno e os votos en contra de PSdeG-PSOE e BNG) que se debe remitir ao Ministerio de Facenda para acollerse á liña de crédito que permitirá facer fronte ás obrigas pendentes con provedores. No caso do Concello de Santiago, solicitarase para pagar 15 millóns de euros. Non obstante, a concelleira de Facenda apuntou a existencia de facturas devoltas a provedores por importe de 3,5 millóns de euros. Os cálculos da Intervención municipal cifran nuns 2 millóns de euros as obrigas que, á vista da súa posible xustificación polos provedores, teñan que sumarse a esta cifra a pagar.

Para explicar esta cifra final pendente de pago, Cecilia Sierra lembrou que, a 1 de xullo de 2011, as obrigas pendentes de pago e aprobadas na contabilidade ascendían a 19,4 millóns de euros, dos que 15,2 correspondían ao exercicio 2011 e o resto ao exercicios anteriores xa pechados. Outros 2,4 millóns de euros estaban pendentes de recoñecer. Tamén figuraba unha factura á subministradora eléctrica por 1,4 millóns de euros e estaba pendente a aprobación da achega ao Consorcio, por 1,5 millóns de euros. Deste xeito, o total pendente de pago a 1 de xullo era de 24,7 millóns de euros.

Fronte a isto, nesa data estaban recoñecidos cobros pendentes por 37,1 millóns de euros, dos que 10,3 correspondían ao exercicio 2011. Os fondos líquidos eran de 4,1 millóns de euros. Par contextualizar a escaseza destes últimos, a edil indicou que "non bastaría nin para pagar dous meses as nóminas, que mensualmente supoñen 2,5 millóns de euros".

Redución dos períodos de pago
Afirmou que, do 1 de xullo ao 31 de decembro de 2011, se pagaron 24,5 millóns de euros. "No segundo semestre de 2011 dedicámonos a pagar débedas do anterior Goberno, e incluso estivemos pagando algunha destas ata febreiro". Reiterou o "especial esforzo" do Goberno municipal por pagar aos provedores, recorrendo incluso a unha operación de tesourería por catro millóns de euros. Engadiu que, na actualidade, están pendentes de pago 1,8 millóns de euros de 2011.

Esta situación de retrasos nos pagos, apunto a edil, supoñía que o período medio de pago aos grandes provedores estaba en 10 meses, e a medianos e pequenos en sete meses". "Agora reduciuse de tres a catro meses este retraso, pasando a sete meses nos grandes provedores e a tres nos demais", dixo, fixando o obxectivo próximo en "pagar como máximo a tres meses".

A propósito doutra débeda, a financeira, cifrouna en 64 millóns de euros na actualidade, dos que 58,8 son a longo prazo e 8,1 de deducións nas participacións tributarias.

Aforros no capítulo de persoal e incremento de ingresos
Outras medidas significativas contempladas no plan de axuste e que permitirán reducir o capítulo de gastos afectan ao capítulo de persoal. Así, das 15 xubilacións de 2011 unicamente se van amortizar cinco, aforrando en torno aos 187.000 euros. Tamén se diminuirán gastos en cuestións como as indemnizacións por xubilación, os plans de formación, a produtividade ou as axudas sociais. En función dos acordos aos que se chegue nesta materia, estimou o aforro nunha franxa entre os 200.000 e os 500.000 euros. En calquera caso, o que si descartou a concelleira foi medidas máis drásticas, como despedimentos ou baixadas de salarios.

O plan de axuste tamén reflicte outras medidas que van repercutir nunha maior recadación de ingresos. Así, citou a suba do IBI, que suporá 670.000 euros máis de ingresos en 2012 e 730.000 en 2013. As actuacións para mellorar a recadación executiva e o control do fraude permitirán recadar 100.000 euros máis en 2012, se ben indicou que esta cifra irá medrando progresivamente.

Xa para rematar e, a expensas das previsión por insolvencia, anunciou que o orzamento para 2012 se situará nos 90 millóns de euros.

Volver


Enviar | Imprimir | Arriba

© 2005, Ayuntamiento de Santiago. Pazo de Raxoi. Praza do Obradoiro. Tel.: 981 542 300 (Centralita) 981 542 357 (Alcaldía). Aviso legal