COMERCIO

Santiago de Compostela acolle o 19 de abril Conecom, primeira conferencia de comercio electrónico de Galicia

26/03/2012 A concelleira de Economía e Comercio, Reyes Leis, presentou Conecom, a primeira conferencia de comercio electrónico de Galicia, que se celebrará o día 19 de abril no Palacio de Congresos e será de asistencia gratuíta.

A artesanía, a agricultura, a industria e mesmo a cultura teñen gran potencial de comercialización, pero en moitos casos hai un descoñecemento das posibilidades que lles ofrece o comercio electrónico. Por iso, Conecom ten por finalidade formar e dar as ferramentas de traballo ás Pemes e as novas iniciativas empresariais no comercio electrónico para así crear un sector competitivo e fortalecer o tecido empresarial galego.

Conecom tratará sete temas fundamentais para o correcto desenvolvemento dun proxecto de comercio electrónico: Introdución ao comercio electrónico, que vender e como vendelo; Pasos para montar unha tenda en liña; Promocionando a nosa tenda en Internet; Medindo os resultados e tomando decisións; Métodos de cobro; Lexislación, Lei Orgánica de Protección de Datos; Sectores de interese.

Conecom conta coa colaboración dos departamentos de Comercio e Economía do Concello, integrándose dentro do programa Santiago Investors Support, que ten por obxectivo dinamizar a economía da cidade. O venres 23 de marzo, a concelleira Reyes Leis presentou o seu programa de actividades neste 2012 ás dez entidades empresariais da cidade que colaboran no mesmo.

A inscripción ao programa é gratuita. Pode facerse a través da páxina www.conecom.es, onde pode consultarse tamén toda a información do evento.

Reyes Leis estivo acompañada na rolda de prensa por un dos organizadores do evento, Xosé Rivera; polo secretario xeral adxunto da Cámara de Comercio, Fernando Barros, e polo secretario da Federación Galega de Comercio, Luis Serafín Fernández.

Compartir: