CENTROS SOCIOCULTURAIS

Accións específicas para os usuarios máis novos dos centros socioculturais

22/03/2012 O concelleiro de Participación Cidadá e Centros Socioculturais, Francisco Noya, presentou unha serie de actividades destinadas aos usuarios máis novos dos centros socioculturais. Agrúpanse baixo o nome de Rapazada móbil e inclúen un curso para a mellora das habilidades de comunicación, outro de iniciación malabar e unha sesión de coaching, ademais cun curso de curtas co móbil.

Francisco Noya, acompañado polo técnico municipal Jesús Carballeiro (CSC das Fontiñas) explicou que estas accións teñen como obxectivo dar resposta ás necesidades dos usuarios máis novos dos centros socioculturais, se ben están abertas a todas as idades. Así, preparáronse actividades do seu interese en varios espazos.

A primeira das accións é a denominada Aprende a ligar adestrando ás túas habilidades. Esta sesión celebrarase o martes 27 de marzo, ás 20:00 horas, no Centro Sociocultural da Trisca. O seu cometido é a adquisición de habilidades e destrezas para así mellorar as relacións iguais. A actividade é gratuíta e a inscrición poderá formalizarse no propio CSC da Trisca.

Xa cun carácter trimestral, todos os venres de abril, maio e xuño, en horario de 18:00 a 20:00 horas, impartirase no Centro Sociocultural do Castiñeiriño un Curso de iniciación malabar, destinado a rapaces de entre 12 e 25 anos. Yumartemalabar encargarase deste seminario, no que os participantes desenvolverán a psicomotricidade, o equilibrio, a concentración, as destrezas manuais e a percepción visual, e experimentarán as súas habilidades con aros e pelotas. O prezo do curso é de 6 euros e os interesados poden anotarse tanto no Castiñeiriño como nos centros de Fontiñas, Vite, Conxo e O Ensanche.

O martes 3 de abril impartirase unha sesión de coaching-training formativo. Será no CSC das Fontiñas a partir das 19:00 horas. O obxectivo desta actividade é axudar a mellorar o rendemento escolar dos estudantes. Traballaranse aspectos como a preparación das clases diarias, o adestramento do estudo ou a preparación mental do exame.

Concurso de curtas co móbil
A Concellería de Centros Socioculturais quere tamén fomentar a experimentación coas novas tecnoloxías a través dun taller formativo sobre edición e montaxe de vídeos no CSC das Fontiñas. A inscrición pode realizarse, dende o xoves 22 ata o venres 30 de marzo, no Centro Sociocultural das Fontiñas ou a través do blog cscfontinas.blogspot.com.

Tomando os coñecementos adquiridos, os alumnos poderán facer as súas curtas co móbil e participar nun concurso. As mellores curtametraxes serán exhibidas nun festival final.

Curso de Plantas Medicinais en Vidán
O concelleiro aproveitou a rolda de prensa para presentar o Curso de Plantas Medicinais que se impartirá no Centro Sociocultural de Vidán os sábados 14,21 e 28 abril, 19 e 26 de maio, 2 e 3 de xuño e 7 de xullo, en horario de 10:00 a 12:30 horas. O curso ten un prezo de 46 euros, que inclúe todos os materiais.

Ademais das sesións teóricas e práctica a realizar no CSC, o seminario inclúe saídas ao campo para recoñecer e recoller plantas medicinais autóctonas coas que finalmente ser realizará un herbario.

Compartir: