EDUCACIÓN

Clausura das clases maxistrais de violín impartidas na Escola Municipal de Música

18/03/2012 O Casino de Santiago acolleu o concerto de clausura das clases maxistrais de violín que veu impartindo Anca Smeu, violinista coprincipal da Real Filarmonía de Galicia, na Escola Municipal de Música. Neste concerto final participaron tanto o alumnado que asistiu ás clases como a súa profesora.

Dende o mes de xaneiro estivéronse impartindo na Escola Municipal de Música estas clases. Con esta iniciativa pretendíase afondar no formato da clase maxistral, pasando do formato habitual dunha sesión a un traballo continuado durante máis de tres meses.

Ao longo destas sesións, o alumnado tivo ocasión de traballar diferentes obras e autores representativos do repertorio violinístico (Mozart, Viotti, Accolay, Vivaldi …), así como diferentes técnicas da execución do instrumento.

Os alumnos participantes, con idades comprendidas entre os 12 e os 19 anos, tiveron oportunidade de traballar cunha relevante violinista que procurou facilitar o intercambio de experiencias de educación musical, o acceso a unha formación especializada e a creación dun grupo de traballo da Escola que mellore a cualificación das agrupacións coas que xa conta: Orquestra e Banda.

O acto no Casino de Santiago foi ademais unha nova oportunidade de difusión do traballo desenvolvido por estes alumnos novos e de encontro con públicos que fagan da educación musical unha realidade prioritaria dunha cidade educadora como é Santiago.

Compartir: