CONSORCIO

Unha nova publicación percorre a historia da Catedral no importante período comprendido entre 1833 e 1923

15/03/2012 O Consorcio de Santiago presentou o libro La catedral de Santiago en época contemporánea, coeditado con Teófilo Edicións. O acto, celebrado na sede da Confederación de Empresarios de Galicia e presidido polo alcalde compostelán e presidente do Consorcio, Xerardo Conde Roa, contou tamén coa presenza da autora, Irene Mera Álvarez.

O libro é un estudo pormenorizado da historia e da arte da catedral de Santiago no período comprendido entre 1833 e 1923, un momento de grande importancia para comprender a configuración actual do conxunto catedralicio. Trátase dun estudo obxectivo e sistemático, elaborado por Irene Mera, que vén encher un importante oco no conxunto dos estudos publicados sobre a basílica xacobea, unha época chea de importantes nomes coma os cardeais García Cuesta, Payá y Rico ou Martín de Herrera, e, sobre todo, a figura do coengo Antonio López Ferreiro.

Foi nesta época cando a Catedral foi obxecto de reformas importantes (logo do redescubrimento das reliquias do Apóstolo, en 1879), en especial a configuración da cripta apostólica, tal e como hoxe a coñecemos, coa fabricación da nova arca para conter as reliquias do Apóstolo e a ordenación deste espazo, cheo de simbolismo.

Compartir: