ALCALDÍA

O novo edificio xudicial de Santiago estará operativo antes de que remate 2012

15/03/2012 O alcalde, Xerardo Conde Roa, e o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, visitaron as obras do novo edificio xudicial da cidade, que debido ao seu bo ritmo de construción estará rematado no primeiro semestre deste ano e poderá estar a pleno rendemento antes de que remate 2012, unha vez se traslade ao novo edificio a actividade xudicial.

Así o anunciou o conselleiro tras comprobar in situ que a estrutura das catro plantas e do soto está xa rematada e que vai moi avanzada a instalación eléctrica, a fontanería e o actuacións de saneamento. Segundo explicou Rueda, antes de que remate este ano os profesionais da Xustiza e os cidadáns de Santiago poderán beneficiarse dunhas instalacións xudiciais como as que a capital de Galicia merece e dun servizo mellorado e renovado.

O novo edificio xudicial conta cun investimento de máis de 3 millóns de euros e foi construído nun terreo cedido polo Concello. Precisamente, o conselleiro aproveitou a presenza do alcalde compostelán para agradecerlle a súa colaboración e lembrou que o Plan de Infraestruturas Xudiciais é froito do esforzo e da cooperación entre Administracións, xa que son os concellos os que ceden os terreos á Xunta para que esta leve a cabo a construción dos edificios, como sucedeu en Santiago.

Ao estar situado xunto aos xulgados xa existentes permitirá incrementar en máis de 2.000 metros cadrados as actuais dotacións e albergar ata seis xulgados, tres salas de vistas, oficinas para Fiscalía e despachos de avogados e procuradores.

Documentos relacionados



Compartir: